Planificación Estratéxica

Planificación Estratéxica

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten entre as súas competencias a da planificación e proposta da normativa relativa ao exercicio das competencias en materia de sociedade da información e das telecomunicación. A aportación dunha visión estratéxica dende unha entidade única de xestión é unha das razóns de ser da Axencia dende a súa creación.

Durante a súa primeira década, a partir de 2012, a Axencia encargouse da aplicación da Axenda Dixital de Galicia 2014, que incluíu o primeiro Plan de Modernización da Administración pública a asumiu o desenvolvemento da Sede electrónica. Ao mesmo tempo, a creación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga) proporcionou unha ferramenta para coñecer e analizar a evolución dos obxectivos estratéxicos a través de datos estatísticos e cualitativos. Tamén nesa etapa inicial creouse a rede de aulas CeMIT distribuídas por todo o territorio para a capacitación dixital da cidadanía.

As axendas 2014 e 2020 tiveron como obxectivos principais os de normalizar e universalizar os servicios dixitais nun territorio conectado e cunha poboación capacitada. Fíxose a través de iniciativas estratéxicas como o primeiro Marco Galego de Competencias Dixitais, a Estratexia Galega de Crecemento Dixital, a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, o Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza, o Plan de Inclusión Dixital de Galicia, a Estratexia de Educación Dixital, os plans de banda larga e 5G ou o Plan de Administración e Goberno Dixitais.

Os resultados permitiron iniciar a nova década cunha sociedade dixitalmente madura, nun territorio conectado e cos principais servizos dixitais desenvolvidos e na senda da universalización, como a Administración, a Sanidade, a Educación ou, a Xustiza.

Este grao de madurez no proceso de dixitalización foi o punto de partida da Estratexia Galicia Dixital 2030, que aposta pola especialización tecnolóxica da nosa Comunidade e polo desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías innovadoras, como a intelixencia artificial, os servizos na nube, a internet das cousas, a xestión intelixente do dato, o BigData, a ciberseguridade... A consolidación dun sector tecnolóxico sólido, a colaboración co sistema universitario e a creación, atracción e retención de talento dixitais son elementos clave desta estratexia para afrontar os cambios dende unha posición de vangarda, baixo criterios de seguridade, ética e valores humanos ao servizo do benestar das persoas, do crecemento económico e do medio ambiente.

Neste contexto, estanse a poñer en marcha visións estratéxicas específicas, como a recollida na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, no novo Marco Galego de Competencias Dixitais ou na Estratexia Galega de Ciberseguridade; ao tempo que evolucionan as planificacións iniciadas coas dúas axendas anteriores sobre Administración e goberno dixitais, xustiza, educación, cultura e patrimonio, industria, mobilidade, medio ambiente ou sectores primarios, entre outros.
 

Iniciativas por temática