Goberno e Administración intelixente
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten entre as súas competencias a de elaborar, desenvolver e executar a estratexia tecnolóxica global do sector público autonómico de Galicia; e a de impulsar, xestionar e coordinar a Administración electrónica, como elemento indispensable para a modernización da Administración pública.
Dende a súa creación, a Axencia asumiu o compromiso de desenvolver o primeiro Plan de Modernización da Administración Pública (2010) e, posteriormente, o Plan de Administración e Goberno Dixital 2020.
Estas dúas planificacións permitiron afrontar a nova década dende un estado de madurez dos procesos internos e un incremento na relación telemática entre a cidadanía de Galicia e a Administración. A sede electrónica da Xunta permite iniciar pola vía electrónica máis do 96% dos procedementos administrativos. O uso do sistema de identificación coa Chave 365 estendeuse ata superar as 1,5. millóns de persoas usuarias, e operacións como a firma electrónica experimentaron un crecemento dun 820% entre 2015 e 2020. Dende 2013 avanzouse tamén na inteoperabilidade entre as diferentes administracións a través da plataforma PasaXE!, o que permite axilizar tramites e simplificar a relación coa cidadanía.
Galicia foi a primeira Comunidade Autónoma en activar a súa sede electrónica xudicial. Esta adopción temperá permitiu que dende 2012, o sistema de notificación LEXNET estea estendido en practicamente todos os órganos xudiciais (97,73%). O primeiro Plan Senda para a dixitalización da Xustiza foi posto en marcha en xaneiro de 2010 e está previsto que en 2023 se acade o obxectivo de que o 100% das salas de vistas de Galicia sexan dixitais. (isto pode ir nun cadro á marxe)
Este grao de madurez acadado pola Administración dixital permite nestes momentos centrar os esforzos no desenvolvemento e aplicación de tecnoloxías innovadoras, como a xestión intelixente do dato, a robótica, a intelixencia artificial ou os servizos na nube. Estes obxectivos están recollidos na Estratexia Galicia Dixital 2030 e no III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025.
Esta nova etapa proporcionará unha administración más eficiente e automatizada, cunha relación máis personalizada coa cidadanía coa xestión intelixente dos datos, e máis accesible, con ferramentas como os asistentes virtuais, pero adaptada ás diferentes capacitacións dixitais das persoas.