A Xunta defende ante o resto das CC.AA. o papel das administracións para democratizar e facer accesible a intelixencia artificial
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, defendeu hoxe en Murcia o papel das administracións públicas para garantir que a intelixencia artificial beneficie a toda a poboación, con independencia das condicións sociais ou económicas. Cerviño participou na V edición do Foro de Directores de Informática, que reuniu aos responsables de dixitalización das 17 Comunidades Autónomas.
O director da axencia autonómica galega destacou que as administracións deben actuar como actores transformadores da sociedade ante desafíos como os que representa a intelixencia artificial e garantir os dereitos da cidadanía. Neste sentido, Julián Cerviño tivo a oportunidade de comentar co resto dos directores a Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial en Galicia, que é a primeira que se aproba no ámbito rexional en Europa.
Durante a xornada, na que tamén participou a secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González, os responsables autonómicos compartiron experiencias e analizaron os retos para a aplicación de tecnoloxías como a ciberseguridade ou a intelixencia artificial. Houbo, así mesmo, unha sesión de traballo para analizar o futuro dos fondos europeos para avanzar na modernización tecnolóxica das rexións.