Quen somos
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
A Lei 16/2010, do 15 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, autorizou na súa disposición adicional terceira a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como unha entidade pública instrumental adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia e cuxos obxectivos básicos serían a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos de política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.
Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e se aproban os seus estatutos, desenvolveuse a autorización antedita, creandoa e regulando tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientan na súa actuación.
Con tal finalidade, a disposición adicional cuarta do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, prevía como a Axencia asumiría progresivamente, de conformidade co Plan para a súa posta en marcha e para a integración dos servizos tecnolóxicos da Xunta de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 21 de xullo de 2011, a prestación dos servizos en materia de tecnoloxías da información e comunicacións ás consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.
Con posterioridade, a disposición adicional quinta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, autorizou a supresión do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, cuxas funcións serían asumidas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o que se levou a cabo mediante o Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos. Co obxecto de garantir a seguridade xurídica, inclúe un anexo cos estatutos da Amtega no que se integran todas as modificacións producidas desde a súa publicación.
Desde a convicción da importancia estratéxica que posúen as tecnoloxías da información e a comunicación como panca de desenvolvemento económico e social, e tamén coa finalidade de dar resposta á crecente necesidade de mellorar a eficiencia na prestación de servizos públicos, creouse a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como entidade única de xestión das tecnoloxías da información e as comunicacións de carácter público, destinada a concentrar a xestión dos recursos TIC do sector público autonómico.
A creación da Amtega permitiu unha maior eficiencia e unha redución de gasto ao integrar os recursos humanos, materiais e orzamentarios da área tecnolóxica de todas as consellerías e diferentes entidades departamentais da Xunta baixo unha mesma dirección e con custo cero. A Amtega é o instrumento estratéxico e executivo para impulsar a modernización da Administración pública, así como o desenvolvemento económico e social de Galicia.
Así mesmo, a súa creación supuxo un xiro na orientación das políticas tecnolóxicas da Xunta de Galicia, promovendo o desenvolvemento dunha estratexia dixital única para Galicia, aliñada coas directrices que establecía o plan “Europa 2020: Unha estratexia para un crecemento intelixente, sustentable e integrador”, e potenciando as sinerxías entre os diferentes departamentos que a conforman. Neste contexto, a Xunta de Galicia converteuse na primeira comunidade autónoma en establecer un modelo de xestión integral das TIC.