Consultas para Estratexia e Planificación
Como paso previo á contratación pública que se desenvolverá nunha seguinte fase, considérase de interese promover un procedemento de consulta preliminar ao mercado a modo de convocatoria aberta de propostas de prestación de servizos, como medio para identificar servizos e liñas de traballo de interese para dar resposta aos obxectivos e competencias desta Axencia.
O obxecto desta convocatoria é promover a participación de calquera persoa, física ou xurídica, pública ou privada para a identificación de propostas de prestación de servizos que contribuirán a dar resposta aos obxectivos e ás competencias desta Axencia recollidas no DECRETO 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.
En particular, ao relativo ao deseño, implementación e adaptación dos modelos de prestación de servizos da Axencia; á implantación de medidas destinas á mellora continua da eficiencia, a través da análise e avaliación dos custos, resultados e impacto das iniciativas de dixitalización; á promoción de modelos de cooperación tanto co sector público, como como sector privado, que favorezan o desenvolvemento dixital da Comunidade; e á vixilancia continua e análise das diferentes estratexias e normativas de ámbito europeo e estatal que resulten de aplicación co obxectivo de adaptar a normativa e os procedementos vixentes desta Axencia.
O presente proceso de consulta preliminar ao mercado realízase con vistas a preparar a futura contratación que a Administración autonómica ten previsto desenvolver durante a seguinte fase e informar aos operadores económicos acerca dos seus plans e os seus requisitos de contratación.
A convocatoria é aberta e diríxese a todas as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas que teñan vontade de participación e de colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para o desenvolvemento dos devanditos proxectos, tanto na súa definición e alcance, como no desenvolvemento e innovación tecnolóxica no ámbito indicado.
Poderá participar calquera persoa física ou xurídica interesada. A participación neste procedemento non leva por parte da Administración autonómica ningunha obrigación de financiamento ou aceptación das propostas presentadas.
A Administración dará aos participantes un tratamento igualitario e non discriminatorio, e axustará a súa participación ao principio de transparencia.
As propostas de prestación de servizos poderán presentarse a través do enderezo electrónico oaep.amtega@xunta.gal ata o día 13 de setembro (incluído).
Se ten calquera dúbida ou consulta, pode contactar a través do seguinte enderezo electrónico oaep.amtega@xunta.gal