Competencias dixitais
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten entre as súas competencias o liderado de iniciativas que contribúan a impulsar o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia, garantindo os dereitos da cidadanía e eliminando as barreiras que dificulten a expansión e o uso da tecnoloxía.
A aposta por unha dixitalización inclusiva foi un dos obxectivos das primeiras estratexias dixitais da Axencia, que contemplaron medidas e actuacións de acompañamento a cidadáns e empresas no proceso de dixitalización que impulsou a Administración autonómica desde o ano 2009. A creación da Rede de aulas Públicas CeMIT e do Centro GaiásTech, e a posta en marcha do primeiro Plan de Inclusión Dixital de Galicia, entre outras actuacións, permitiu que o uso de internet na Comunidade pasase dun 47% en 2010 a preto do 92% en 2022 ou que máis do 70% das persoas de entre 65 e 74 anos empregan internet, cando en 2010 eran só 6,2 da cidadanía galega nesta franxa de idade.
Sobre estes piares, a Estratexia Galicia Dixital 2030 avanza un chanzo máis para ofrecer á cidadanía a adquisición de competencias dixitais para poder desenvolverse con seguridade e confianza no contexto dixital, mellorar a súa calidade de vida e favorecer maiores oportunidades laborais, así como reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais por parte dos colectivos máis vulnerables. Estes obxectivos están recollidos no Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, xunto co da promover as competencias dixitais dos profesionais e impulsar as vocacións e o talento dixital avanzado en Galicia.