Declaración institucional da Xunta de Galicia do gallo do Día Mundial da Sociedade da Información, 17 de maio.

Sábado 17 de Maio de 2025

Declaración institucional da Xunta de Galicia do gallo do Día Mundial da Sociedade da Información, 17 de maio.

 

 

O 27 de marzo de 2006, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 17 de maio Día Mundial da Sociedade da Información co obxectivo de promover o bo uso das tecnoloxías e difundir e facer universalmente accesibles os seus beneficios.

 

Para nós, os galegos e as galegas, esta data coincide felizmente co día en que celebramos o orgullo de dispoñer dunha lingua para nos comunicar para crear e para medrar como país.

 

A lingua e a súa defensa e promoción é un elemento central no logro dos obxectivos de dispoñer dunhas tecnoloxías útiles e ao servizo das persoas.

 

A Xunta de Galicia comparte o lema adoptado polo Comité de Impulso do Día de Internet en España, do que formamos parte:

 

“Por unha nova xeración de Internet comprometida coas persoas” describe un obxectivo transversal que comparten todas as iniciativas e actuacións que levamos a cabo na Xunta e, en concreto, na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

 

Nos últimos meses, a Xunta foi quen de elaborar e lograr a aprobación no Parlamento sen votos en contra da Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial en Galicia.

 

Somos a primeira rexión europea en dispoñer dun marco legal para a adopción e aplicación desta tecnoloxía na Administración de acordo con criterios de eficacia, seguridade e garantía de respecto aos dereitos das persoas.

 

O desenvolvemento e gobernanza responsable da Intelixencia Artificial é, precisamente, un dos puntos do decálogo presentado este ano polo Comité de Impulso do Día de Internet.

 

Asumimos, así mesmo, os obxectivos de

 

  • promover a tecnoloxía ao servizo da inclusión e accesibilidade;

 

  • asegurar o benestar dixital;

 

  • fomentar a transparencia e o empoderamento da cidadanía;

 

  • fomentar o pensamento crítico e loita contra a desinformación;

 

  • fomentar a participación activa, responsable e democrática;

 

  • garantir a sustentabilidade;

 

  • promover a confianza e a ciberseguridade;

 

  • garantir a privacidade e control dos datos;

 

  • e fomentar a innovación e as redes do futuro.

 

 

En definitiva, neste Día Internacional da Sociedade da Información, a Xunta renova o seu compromiso co desenvolvemento dunhas tecnoloxías ao servizo das persoas, éticas, seguras e capaces de xerar benestar para as persoas e riqueza e emprego para a nosa terra.