A Xunta actualiza os sistemas de administración dixital de cara a unha tramitación electrónica integral máis eficaz, personalizada e accesible
O Consello da Xunta aprobou hoxe autorizar a contratación do servizo de evolución de ferramentas transversais para a tramitación electrónica integral. O contrato permitirá actualizar o sistema de notificacións electrónicas (Notifica.gal), a plataforma de sinatura electrónica, o arquivo electrónico administrativo (ARPAD) e a plataforma corporativa de tramitacións (Wanda).
A Xunta de Galicia avanza así cara a unha administración dixital máis eficaz, máis personalizada e máis accesible e doada de usar cun novo modelo baseado no dato que facilita o traballo do persoal empregado público e ofrece un mellor servizo á cidadanía.
Os novos sistemas estarán adaptados á evolución prevista coa introdución de tecnoloxías emerxentes no marco do III Plan de Administración e Goberno Dixital. Estas novas ferramentas estarán integradas co modelo de nodo de información cidadá Citizen Data Hub, que concentrará nun único espazo todas as tramitacións da cidadanía, e atenderán aos criterios máis evolucionados de seguridade e protección de datos.
O obxectivo deste contrato é o de adaptar o funcionamento dos servizos de Administración dixital que xa están á disposición da cidadanía, como o sistema de notificacións, a sinatura electrónica ou as tramitacións administrativas, para mellorar a súa eficacia co uso de tecnoloxías que simplifican os procedementos e os personalizan ao integrar e unificar os datos e procesalos con sistemas intelixentes.
O contrato prevé un investimento de 2,3 millóns de euros ata 2027, que pode ampliarse ata algo máis de 4,5 millóns coa prórroga e as modificacións previstas.
Os novos sistemas serán escalables e están adaptados ao uso de tecnoloxías como as automatizacións. Tamén disporán de capacidades de interoperabilidade co resto dos sistemas electrónicos administrativos e de relación coa cidadanía.
Un dos obxectivos principais desta evolución é mellorar a experiencia das persoas usuarias. Para facelo, avanzarase no deseño dun escritorio de tramitación completo e revisaranse os termos e conceptos de xeito global para garantir a coherencia e facilidade de uso por parte dos empregados públicos. Iso conséguese ao centrar o sistema nos elementos semánticos de tramitación. Os sistemas semánticos son os que reproducen os esquemas mentais das persoas para desenvolver un uso máis doado e intuitivo.
Os sistemas estarán interconectados e as persoas usuarias disporán de mecanismos de recomendación e axuda para integrar información e documentos de diferentes fontes. Deste xeito, facilitarase aos empregados públicos o acceso á información necesaria para a tramitación con independencia dos sistema nos que se aloxe.
Ademais desta iniciativa, a Xunta de Galicia ten en marcha outras actuacións para a modernización da administración dixital como a nova aplicación para móbiles XuntaEU, o redeseño da sede electrónica para a súa simplificación e mellora de usabilidade, a plataforma de automatización de procesos ou o Plan de posto dixital avanzado para persoal empregado público.
O Rexistro electrónico da Administración autonómica recibiu o pasado ano preto de 1,5 millóns de presentacións de solicitudes, escritos ou comunicacións, de cerca de medio millón de persoas. En 2023, incorporáronse na Administración máis de 27 millóns de documentos electrónicos e creáronse máis de 641.000 expedientes de 530 procedementos distintos.
Así mesmo, a Xunta puxo a disposición das persoas interesadas más de 1,7 millóns de notificacións, das que cerca de 1,2 millóns foron exclusivamente electrónicas. As persoas que recibiron estas notificacións foron máis de 580.000.