A Xunta pon en marcha un ciclo formativo para achegar os usos e vantaxes da intelixencia artificial á cidadanía

Venres 22 de Setembro de 2023

A Xunta pon en marcha un ciclo formativo para achegar os usos e vantaxes da intelixencia artificial á cidadanía

• As sesións, dirixidas especialmente ás persoas maiores, terán lugar ente outubro e novembro, en diferentes aulas da Rede CeMIT das catro provincias

• A inscrición está aberta e pode realizarse online ou directamente nos centros nos que se imparte o ciclo formativo

• Esta iniciativa enmárcase nas actuacións da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, para facilitar á sociedade capacitación nesta tecnoloxía en todas as etapas

A Xunta pon en marcha un ciclo formativo para achegar os usos e vantaxes da intelixencia artificial á cidadanía

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha o ciclo formativo “A Intelixencia Artificial no día a día”, para achegar esta tecnoloxía e as súas vantaxes á cidadanía, centrándose especialmente nas persoas maiores de 55 anos.

As sesións teñen unha duración de 90 minutos e desenvolveranse entre os meses de outubro a novembro de xeito presencial nas aulas da Rede CeMIT de A Coruña, Celanova, Guitiriz, Moaña, Ortigueira, Santiago e Vigo.

O obxectivo desta formación é achegar a un público sen coñecementos específicos na materia as nocións e características básicas da Intelixencia artificial (IA), o seu impacto no día a día das persoas e visibilizar as súas vantaxes a través de casos de uso, dun xeito sinxelo e accesible.

As sesións estrutúranse en catro bloques temáticos, comezando por unha introdución ao concepto de Intelixencia Artificial, a través da presentación de exemplos prácticos e a posta en valor das vantaxes do seu uso. Ademais, farase un repaso polas aplicacións máis cotiás que empregan esta tecnoloxía e a súa contribución á sociedade. Finalmente, farase unha aproximación ás posibles aplicacións futuras, principios éticos e revisión dos avances na súa regulación.

Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030

Este itinerario formativo enmárcase nas actuacións da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030 (EGIA2030), que establece nas súas liñas estratéxicas que a cidadanía sexa a principal beneficiaria da IA, para o que é preciso que conte coa formación e capacitación necesaria para entendela e usala con medidas que abrangan desde a adquisición de competencias básicas, ata a formación para persoal altamente cualificado.

Calendario e inscricións

As persoas interesadas en asistir a estas formacións poderán inscribirse comunicándose directamente co centro da Rede CeMIT do seu interese, ou a través da web. Xúntase o calendario de actividades e as ligazóns de inscrición en cada centro.

Aula CeMIT Datas Horarios Inscricións
A Coruña 20 de outubro 10:00 a 11:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43349
Guitiriz 23 de outubro 11:00 a 12:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43355
Santiago 24 de outubro 17:00 a 18:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43353
Celanova 25 de outubro 11:00 a 12:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43347
Ortigueira 26 de outubro 11:00 a 12:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43357
Vigo 27 de outubro 11:00 a 12:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43345
A Coruña 3 de novembro 12:00 a 13:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43350
Santiago 7 de novembro 17:00 a 18:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43354
Moaña 8 de novembro 11:00 a 12:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43351
Ortigueira 16 de novembro 11:00 a 12:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43358
Vigo 17 de novembro 11:00 a 12:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43346
Celanova 22 de novembro 11:00 a 12:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43348
Guitiriz 27 de novembro 11:00 a 12:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43356
Moaña 29 de novembro 11:00 a 12:45 https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/43352
Etiquetas
Intelixencia artificial
CeMIT
CeMIT-formación-dixital
persoas maiores