A Xunta convoca novas probas para obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais no nivel iniciación
A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), abre hoxe o período de inscrición para obter a Certificación galega en competencias dixitais (ComDix), no seu nivel Iniciación, e que terán lugar en 47 localidades con aula CeMIT.
Esta convocatoria, con 1.071 novas prazas, está aberta a toda a cidadanía e ten como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional.
As probas realizaranse os días 2, 3 e04 de decembro repartidas en 88 quendas que abarcan diferentes horarios de mañá (ás 10 e ás 12 horas) e de tarde (16:30 horas) para poder así facilitar a asistencia das persoas interesadas.
Os lugares e datas concretas cos seus horarios pódense consultar na páxina web da rede CeMIT, na que figura o calendario destas probas presenciais nas 48 Aulas CeMIT e dende se pode realizar e consultar toda a tramitación e inscrición neste proceso.
Tras a finalización do prazo de inscrición, e logo da publicación do listado definitivo no caso de que existan prazas vacantes, abrirase un período extraordinario para a súa adxudicación mediante solicitude dos participantes que figuren nas listaxes de espera.
Contidos online e avaliación
Na plataforma de teleformación da Rede CeMIT pódense atopar en liña os contidos formativos para a preparación da proba, que abarcan as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de competencias dixitais.
Para obter o certificado ComDix Iniciación é preciso superar na proba un cuestionario de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego ComDix.
Novas convocatorias para o ano 2027
Durante o ano 2026 convocáronse 5.198 prazas para obter a certificación de competencias dixitais (ComDix), tanto no seu nivel iniciación (2.058) como no seu nivel intermedio (3.140).
Estas probas terán continuidade durante o próximo ano 2027, con novas convocatorias para o primeiro semestre que sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia xa a comezos de ano e se publicitarán con anterioridade na web da rede CeMIT.
A previsión é convocar o ComDix no seu nivel Intermedio a finais do mes de febreiro e xuño e, no seu nivel Iniciación no mes de abril. As datas exactas, xunto coas bases da convocatorias, publicaranse no mes de xaneiro.