A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia forma en protección de datos a persoas empregadas públicas nun Curso Superior na EGAP
Un grupo de 70 persoas que traballan para a Administración en Galicia participan a partir de hoxe no Curso Superior sobre Protección de Datos que imparte a Escola Galega de Administración Pública e dirixe a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Durante a apertura do curso esta tarde, o director da Amtega, Damián Rey, destacou que a protección dos datos e a ciberseguridade son dous dos aspectos da modernización tecnolóxica e a dixitalización aos que a Xunta dedica máis esforzos e recursos. “As Administracións públicas somos depositarias dunha grande cantidade de datos da cidadanía e temos a obriga de garantir a súa seguridade e de que se faga un bo uso deles. E o persoal empregado público comparte esa responsabilidade e, o lóxico, é que lle poidamos proporcionar a maior e mellor información e formación”, dixo.
O curso afonda no coñecemento da protección dos datos, tanto dende un punto de vista técnico-xurídico, como dende unha perspectiva práctica. Entre os contidos, destaca o marco normativo, os roles e responsabilidades na protección de datos nas Administracións públicas, os dereitos da cidadanía ou as autoridades de supervisión e o réxime sancionador.
O curso conta cunha sesión presencial inicial e con sesións remotas que se impartirán ao longo dos meses de outubro e novembro.