A Xunta facilita o acceso ao Certificado de Competencias Dixitais ao alumnado que se titula na ESO antes dos 16 anos
O Consello da Xunta aprobou hoxe a modificación do Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais. Entre as novidades principais está a adaptación do requisito de idade para que o alumnado do sistema educativo galego que obteña o título de graduado en educación secundaria obrigatoria antes de cumprir os 16 anos poida acceder á certificación ComDix.
A modificación resolve así a situación do alumnado que remataba a ESO antes dos 16 anos e que, coa regulación vixente, non podía acceder á certificación, xa que esa era a idade mínima establecida. É un dos cambios aprobados hoxe para adecuar os requisitos do Marco de competencias dixitais ás necesidades que foron xurdindo desde a aprobación do decreto. O obxectivo é simplificar algunhas das súas disposicións, mellorar a eficacia da xestión administrativa e reforzar a seguridade xurídica.
Acceso directo aos diferentes niveis
Outro dos cambios é a eliminación da obriga de ter certificado un nivel de aptitude para poder obter o seguinte. As persoas interesadas poderán acreditar directamente o nivel que corresponda aos seus coñecementos, seguindo un criterio similar ao aplicado nas certificacións de lingua galega Celga.
O primeiro nivel do ComDix continuará certificándose sobre o conxunto das áreas de dominio competencial. Nos restantes niveis poderán establecerse certificacións por áreas ou mesmo por competencias concretas. Ademais, os contidos correspondentes a cada competencia e nivel poderán adaptarse aos diferentes colectivos destinatarios.
A modificación tamén aclara as vías para obter o ComDix, que inclúen tanto as probas de certificación coordinadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) como os cursos con aproveitamento activo e avaliación continua, que se foron incorporando con posterioridade á aprobación do decreto.
Vixencia e renovación
O novo texto concreta a vixencia do certificado e a súa renovación. No caso das certificacións que caduquen polo transcurso dos cinco anos establecidos, a Amtega poderá ampliar de oficio a súa validez, sen que as persoas titulares teñan que realizar ningunha actuación, sempre que os coñecementos acreditados non sufrisen variacións relevantes.
Ademais, a renovación poderá realizarse desde os seis meses anteriores á data de caducidade. Ata o de agora, este trámite só se podía iniciar durante os seis meses posteriores.
Os certificados seguirán emitíndose unicamente en formato dixital. Ademais da súa expedición de oficio, as persoas interesadas tamén poderán solicitar á Amtega o documento acreditativo.
A modificación aprobada hoxe tamén actualiza a composición do comité especializado para a definición do Marco galego de competencias dixitais para adaptala á estrutura da Xunta.
O ComDix é a certificación promovida pola Xunta que acredita oficialmente o nivel de coñecementos, habilidades e actitudes dunha persoa no uso das tecnoloxías dixitais nos ámbitos persoal, social, educativo e profesional. O seu modelo está aliñado co Marco europeo de competencias dixitais DigComp. O ComDix avalía un total de 21 competencias organizadas en cinco grandes áreas e establece, polo momento, dous niveis de aptitude: iniciación e intermedio.