A Xunta investirá case 7,5 m€ no reforzo de infraestruturas tecnolóxicas e servizos públicos para previr apagamentos como o do pasado mes de abril

Luns 28 de Xullo de 2025

A Xunta investirá case 7,5 m€ no reforzo de infraestruturas tecnolóxicas e servizos públicos para previr apagamentos como o do pasado mes de abril

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Redes de Telecomunicacións de Galicia (Retegal) propuxeron as medidas necesarias para aumentar a garantía dos servizos públicos e da Administración
As principais actuacións implican a dotación da internet por satélite a infraestruturas críticas, máis grupos electróxenos, máis terminais da rede de comunicacións críticas para emerxencias (Tetra) e o emprego de máis operadores de telecomunicacións para mellorar a redundancia
Os plans tamén prevén que os principais edificios da Xunta poidan utilizar conexións adicionais de fibra para maior capacidade, rapidez e dispoñibilidade

O Consello de Goberno aprobou hoxe dous plans para a mellora das infraestruturas tecnolóxicas e de telecomunicacións da Xunta para previr cortes de subministración eléctrica como o que sufriu a Península Ibérica no pasado mes de abril. Ambas as planificacións, que teñen como obxectivo asegurar a continuidade dos servizos públicos e da Administración nunha situación deste tipo, suman investimentos de case 7,5 millóns de euros entre este ano e o 2028.

O corte do pasado mes de abril permitiu comprobar e avaliar a eficacia dos sistemas dos que dispón a Xunta de Galicia para garantir a continuidade dos servizos públicos e da Administración nunha circunstancia extrema como a que se viviu naquel momento. Pese a que os equipos de respaldo demostraron a súa eficacia e garantiron a continuidade da práctica totalidade das comunicacións internas e dos servizos, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a empresa pública Redes de Telecomunicación de Galicia (Retegal) elaboraron estudos para analizar as necesidades no caso de que unha incidencia deste tipo puidera prolongarse máis no tempo e ter unha maior afectación nas redes de telecomunicacións. O resultados son estes dous plans de mellora de infraestruturas que hoxe aprobou o Consello.

Melloras nas infraestruturas tecnolóxicas

Por parte da Amtega, as propostas de mellora con maior prioridade implican dispoñer de acceso a internet por satélite no Centro de Procesamento de Datos Integral (CPDI), así como nos edificios da Xunta que dispoñen de grupos electróxenos, como o de San Caetano. A Axencia tamén considera necesario dispoñer de fibra escura para conectar os principais edificios da Xunta co CPDI a través de Retegal. A fibra escura está conformada por cables de fibra óptica adicionais aos xa existentes que proporcionarían unha maior seguridade, velocidade e dispoñibilidade na transmisión de datos.

O Plan da Amtega inclúe tamén unha mellora na redundancia do servizo de telefonía fixa nos principais edificios da Xunta. A redundancia implica dispoñer de alternativas que entran en funcionamento de xeito automático para evitar interrupcións nas comunicacións cando se producen cortes nunha ou varias redes.

 

Nesta planificación prioritaria atópase tamén a necesidade de dispoñer de servizos de máis dun operador, tanto para as comunicacións de datos da Xunta como para a telefonía do servizo de emerxencias 112.

 

Melloras nas redes de telecomunicacións

Retegal considera prioritario dotar de terminais da rede de comunicacións críticas de emerxencias (Tetra) a todo o seu persoal de campo, así como aos servizos de mantemento que participan na xestión de incidentes. A rede Tetra emprega unha tecnoloxía que permite as comunicacións de voz e de datos dun xeito fiable mesmo en zonas que non dispoñen de cobertura por parte das operadoras e especialmente cando os servizos das operadoras non están dispoñibles por motivos técnicos ou de falta de subministración eléctrica.

O plan tamén recolle a instalación e reforzo dos grupos electróxenos nos centros de telecomunicacións máis críticos e que prestan servizos de emerxencia e seguridade; así como a renovación das baterías naquelas instalacións nas que estes equipamentos tiveron un rendemento por debaixo dos estándares durante o apagamento.

As medidas prioritarias de Retegal inclúen tamén a dotación dunha maior capacidade para os depósitos de combustible dos grupos electróxenos, así como monitorizar o funcionamento destes equipamentos. Así mesmo, considera necesario implantar un sistema de protección do acceso electrónico, así como a ampliación de radio-enlaces para mellorar a redundancia das comunicacións.

Entre as medidas que se consideran necesarias, pero cunha prioridade menor, atópanse, entre outras, a dotación de terminais Tetra a técnicos da Amtega e altos cargos da Xunta, a instalación de máis grupos electróxenos, a mellora da climatización e impermeabilización de equipamentos críticos ou a ampliación da capacidade das baterías.

O investimento previsto é de 7,5 millóns de euros en catro anualidades.