A plataforma galega de mobilidade MoBT impulsada pola Xunta está activa en 32 contratos que supoñen mais do 50% dos desprazamentos interurbanos de toda a comunidade

Luns 20 de Abril de 2026

A plataforma galega de mobilidade MoBT impulsada pola Xunta está activa en 32 contratos que supoñen mais do 50% dos desprazamentos interurbanos de toda a comunidade

Permite o pago no autobús a través do teléfono móbil, eliminando a necesidade de acudir a unha oficina bancaria, de dispoñer dunha tarxeta e de recargar no caixeiro
Tras a posta en marcha como proxecto piloto hai un ano en rutas das áreas de Compostela e do Deza, actualmente está activa na área metropolitana da Coruña, nas áreas de Pontevedra, do Morrazo e do Salnés, na Mariña de Lugo e na Terra Chá, así como en varios contratos de longo percorrido

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, informou hoxe en Arteixo dos avances na implantación da Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 MoBT, activa xa en case o 50% dos desprazamentos interurbanos de toda a comunidade e que se prevé que ao finais deste ano estea no 100%.

Así, a solución, financiada con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, está implantada nunha trintena de contratos que cobren a área metropolitana da Coruña, as áreas de Pontevedra, do Morrazo e do Salnés, a Mariña de Lugo e a Terra Chá. Activouse tamén para os contratos de longo percorrido entre Ferrol e Ourense, Ferrol e Vigo e Lugo e Vigo, así como no directo entre A Coruña e Lugo. Tras o seu lanzamento como proxecto piloto hai un ano en diversas rutas das áreas de Santiago de Compostela e do Deza, a iniciativa sumou ata o pasado marzo máis de 6.000 persoas usuarias rexistradas.

Segundo explicou Diego Calvo, a Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 MoBT permite o pago no autobús a través do teléfono móbil, eliminando así a necesidade de acudir a unha oficina bancaria, de dispoñer dunha tarxeta e de recargar no caixeiro. O obxectivo é facilitar o acceso ao transporte público mediante a incorporación de tecnoloxías avanzadas de pagamento, que permitan mellorar a experiencia do usuario, aumentar a eficiencia do sistema e fomentar o emprego do transporte público como alternativa sostible. Deste xeito, as persoas usuarias dispoñen dunha conta na nube cun moedeiro virtual asociado. O saldo do moedeiro virtual pódese coñecer en cada momento e recargarse a través da APP móbil MoBT.

A aplicación, dispoñible tanto para os dispositivos Android como para Apple, ten tamén entre as súas funcionalidades a reserva de servizos baixo demanda, a xestión do moedeiro con recarga en liña e un histórico de viaxes. Dispón ademais dun buscador avanzado con todos os servizos de transporte público de Galicia para facilitar a planificación multimodal dos desprazamentos.

Na súa intervención, o conselleiro animou a poboación das áreas nas que xa funciona a plataforma a descargala e facer uso dela para beneficiarse de todas as vantaxes que ofrece e “construír así entre todos unha Galicia máis conectada, na que cada vez se aposte máis polo transporte público”.