Mar e Amtega colaboran para para desenvolver un soporte informativo sobre o estado do medio mariño e a saúde dos recursos pesqueiros e marisqueiros

Mércores 02 de Xullo de 2025

Mar e Amtega colaboran para para desenvolver un soporte informativo sobre o estado do medio mariño e a saúde dos recursos pesqueiros e marisqueiros

O conselleiro do Mar resaltou que este traballo permitirá dixitalizar e mellorar a accesibilidade e xestión de toda esta información de gran valor para a xestión pesqueira así como para o desenvolvemento de proxectos de investigación
O conselleiro de Facenda e Administración Pública puxo en valor a colaboración entre ambos departamentos para a dixitalización como panca de impulso do sector do mar
O proxecto utilizará os datos recompilados nas mostraxes realizadas polo Centro de Investigacións Mariñas así como as capturas rexistradas nas plataformas ‘Pesca de Galicia’ e ‘Lonxas Galegas 4.0’
Esta actuación conta cun orzamento de 185.000 euros e estará composta dun módulo de avaliación de stocks, outro de información de capturas ademais dun de indicadores DMEM

A Consellería do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) colaboran no desenvolvemento dun soporte e sistema informativo para a xestión dos descritores do estado do medio mariño así como dos indicadores de saúde das poboacións das especies suxeitas a explotación pesqueira e marisqueira. Unha acción que estará sustentada na información recompilada polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) nas súas mostraxes e que permitirá dixitalizada e mellorar a súa accesibilidade para a súa utilización en ámbitos como a xestión pesqueira ou para a realización de proxectos de investigación.


O acordo foi asinado na sede do CIMA  no concello pontevedrés de Vilanova de Arousa –polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. 

Alfonso Villares destacou o traballo que realizan os centros de investigación e técnicos autonómicos na recollida de datos en todas as zonas produtivas. Unha información de enorme valor con múltiples aplicacións á hora de avaliar, deseñar e executar medidas que afonden na sostibilidade da actividade pesqueira e marisqueira, estratéxica para a comunidade. Así, subliñou que é fundamental contar coa mellor información dispoñible á hora de tomar as mellores decisións, sempre da man do sector, no marco do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira en Galicia. 

Miguel Corgos puxo en valor os distintos proxectos impulsados conxuntamente pola AMTEGA e a Consellería, como a Plataforma Tecnolóxica da Pesca ou a dixitalización das lonxas e confrarías (Lonxas 4.0), que axudan a modernizar o sector á vez que facilitan a trazabilidade de toda a información relacionada. 

Ambos recalcaron novas liñas de traballos, como as que afondarás en impulsar as canles de comercialización dixitais e a definición dun Xemelgo Dixital do Mar (proxecto MaruxIA).


O documento distribúe o sistema de información  desenvolver pola Amtega en tres módulos: 

O primeiro de avaliación de stocks coa información das mostraxes e estruturas de tamañas cun formato específico para que poda ser cargado desde o sistema ARouSA,  empregado polo CIMA.

O segundo aborda a información das capturas obtidas polos puntos de control e información da lonxa a través do portal PescadeGalicia e de Lonxas Galegas 4.0. O sistema facilitará a visualización sinxela e evolución dos indicadores de interese, dando servizo ás necesidades dos biólogos na xestión da súa actividade. A partir da información capturada -plan de xestión a analizar, exercicio de referencia, especie e banco de captura asociado- estableceranse distintas explotacións de interese, cada unha delas enfocada a clarificar a situación e tendencia dun tipo de indicadores. A este respecto, Alfonso Villares puxo en valor que, deste xeito, a información xestionada vaise poder explotar de forma particularizada por parte dos usuarios da plataforma.


O terceiro e último módulo refírese á información relativa aos diferentes descritores da Directiva Marco da Estratexia Mariña da Unión Europea (DMEM) - información que é recollida por mais de 50 técnicos que a resumen en 45 anexos anexos estandarizados. Este módulo dará cobertura á recompilación e organización de toda esta información, ofrecendo a posibilidade de filtrar e exportar os datos de interese. 


O Goberno galego destina a este proxecto, que será executado nunha primeira fase ata o 2026, un total de 185.000 euros, financiado polo Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura, no marco da prioridade de fomentar a pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos.

Papel do CIMA
O titular de Mar ensalzou o papel que xoga o CIMA no ámbito da investigación mariña en Galicia e que celebra este ano o seu 50 aniversario. Así, detallou que na convocatoria de 2024 presentáronse un total de 11 novas accións, por un investimento próximo ao 1,4 M€ e que se suman ás cinco accións que proveñen de 2023 , tres das cales xa están finalizadas, cun importe que supera os 500.000 euros. Un labor que exemplifica a aposta da Xunta pola ciencia no ámbito pesqueiro e que é complementado coa participación nos proxectos que se están a desenvolver no marco da Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia, Redemar.