A Xunta destina preto de 340.000 € a facilitar a comunicación das persoas xordas coa Administración
A Xunta destinará preto de 340.000 euros entre 2025 e 2026 á prestación do servizo de videointerpretación en lingua de signos a través dun convenio, que asinarán proximamente a Axencia para Modernización Tecnolóxica e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG).
O acordo foi autorizado hoxe polo Consello do Goberno galego e dá continuidade a un servizo que busca universalizar o acceso dos servizos públicos para os galegos e galegas con discapacidade auditiva.
A Administración autonómica galega foi das primeiras en dispoñer dunha plataforma de videointerpretación en lingua de signos, un servizo que se puxo en marcha en 2011 e que se foi ampliando progresivamente. Hoxe, o sistema está dispoñible en modalidade presencial nas 7 oficinas principais de rexistro e atención cidadá da Xunta, en 4 oficinas de turismo da Administración autonómica, nas urxencias de 14 hospitais e en 90 puntos de atención continuada (PAC), ademais de na modalidade en liña e telefónica a través da web xunta.gal e nos teléfonos do 061, 012, 112, 085, 065, entre outros.
Na modalidade presencial as persoas xordas poden acudir a hospitais, centros de saúde oficinas administrativas e puntos de atención turística, que dispoñen de terminais que permiten establecer unha comunicación directa co servizo de videointerpretación da FAPXG en tempo real, facilitando o diálogo entre a persoa xorda e o persoal público sen necesidade de intermediarios físicos.
Na modalidade en liña as persoas con discapacidade auditiva poden acceder ao servizo a través do portal web da Xunta, utilizando un ordenador, móbil ou tablet.
O usuario indica o servizo ou entidade con que desexa contactar e o videointérprete da FAXPG establece a comunicación coa persoa destinataria en tempo real. Este convenio reforza o compromiso da Xunta coa inclusión dixital e a igualdade de oportunidades asegurando que todas as persoas poidan acceder aos servizos públicos en condicións de accesibilidade universal.
 
					 
 
 
 
 
 
 
