A Xunta impulsa un concurso de ideas para aplicar solucións innovadoras baseadas en xemelgos dixitais ao medio rural e ao turismo
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha un concurso de ideas destinado a identificar solucións innovadoras baseadas en tecnoloxías de xemelgo dixital que contribúan a unha xestión máis intelixente, eficiente e sostible do territorio galego. A iniciativa céntrase en dous ámbitos estratéxicos para Galicia: o medio rural e o turismo.
O obxectivo da convocatoria é conectar empresas, centros tecnolóxicos, grupos de investigación e administracións para promover propostas que poidan evolucionar posteriormente cara a proxectos piloto, aproveitando as capacidades da Plataforma Territorio Intelixente da Xunta de Galicia. As solucións deberán empregar tecnoloxías propias dos xemelgos dixitais, como a integración de datos en tempo real, sensórica,
intelixencia artificial ou información xeográfica para mellorar a toma de decisións sobre o territorio. O prazo para presentar as candidaturas permanecerá aberto entre hoxe e o 7 de setembro a través da Sede electrónica da Xunta. Pódese consultar toda a información na páxina web do proxecto.
Xestión intelixente do territorio e dos fluxos turísticos
No ámbito do medio rural, búscanse iniciativas orientadas á planificación intelixente do territorio mediante o uso integrado de datos ambientais, produtivos, climáticos ou forestais. Entre outras cuestións, poderán abordarse solucións relacionadas coa recuperación de terras agrarias, o control de especies invasoras, a xestión intelixente da auga, a planificación de cultivos, a trazabilidade alimentaria ou as comunidades enerxéticas rurais.
Pola súa banda, no ámbito turístico, o concurso busca impulsar ferramentas que permitan anticipar fluxos de visitantes, optimizar a planificación de servizos e infraestruturas ou mellorar a experiencia turística mediante a análise integrada de datos territoriais, meteorolóxicos, de mobilidade ou ocupación. Entre as posibles aplicacións inclúense a modelización do fluxo de peregrinos no Camiño de Santiago, a monitorización da ocupación dos albergues ou a caracterización sociodemográfica dos visitantes.
Finalistas e gañadores
Como resultado do concurso seleccionaranse seis propostas finalistas, tres por cada ámbito temático. Entre elas, o xurado elixirá unha proposta gañadora de medio rural e outra de turismo. Ademais da visibilidade institucional que recibirán as iniciativas seleccionadas, as ideas gañadoras poderán desenvolverse nunha fase posterior como proxectos piloto.
Poderán participar pemes, centros tecnolóxicos e centros ou grupos de investigación que cumpran os requisitos establecidos nas bases da convocatoria, publicadas nesta web. As propostas valoraranse atendendo á súa adecuación ao modelo de xemelgo dixital e administración orientada ao dato, o seu carácter innovador, a viabilidade técnica e económica e a súa capacidade de replicación noutros ámbitos ou territorios.
Esta convocatoria enmárcase no proxecto Aceleración de Ecosistemas de Emprendemento e Innovación baseados en Xemelgos Dixitais, desenvolvido pola Amtega dentro do programa Redes de Especialización Tecnolóxica Territorial (RETECH), impulsado pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial e financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos Next Generation EU.