A Xunta explica o seu modelo de transformación dixital a unha delegación de expertos de Arxentina, Panamá, Uruguai e Guatemala
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, asistiu esta mañá á recepción das persoas que participan na misión inversa sobre GovTech: Innovación, seguridade e cooperación, organizado pola polo Clúster TIC.
As delegacións están formadas por 14 responsables de goberno dixital, organismos públicos de innovación, investimento e regulación, e directivos de operadores de telecomunicacións de Arxentina, Uruguai, Panamá e Guatemala. A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia a través do IGAPE.
Damián Rey destacou a importancia que ten para Galicia avanzar na soberanía dixital e na concentración de coñecemento para poder desenvolver unha transformación dixital adaptada ás singularidades da súa poboación e o seu territorio. Neste sentido, destacou a acción conxunta da Administración, as universidades e centros de investigación e a industria. Puxo como exemplo o Pacto Dixital de Galicia, do que forman parte 19 grandes empresas tecnolóxicas e as principais agrupacións empresariais e clústeres desta Comunidade.
A misión inversa do Clúster TIC de Galicia, que hoxe mantivo varios encontros en Santiago, continuará a súa actividade durante esta semana nas cidades de Vigo e A Coruña.