Concurso de Ideas do Xemelgo Dixital

Concurso de Ideas do Xemelgo Dixital

 

Participa no Concurso de ideas innovadoras para lograr unha xestión máis eficiente e sostible do turismo e do medio rural a través de tecnoloxías innovadoras baseadas en Xemelgo Dixital.

O Concurso de Ideas do XDG é un certame impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) destinado a identificar solucións tecnolóxicas innovadoras baseadas no uso de xemelgos dixitais (intelixencia artificial, datos en tempo real e sensorización) que favorezan a xestión, facéndoa máis eficiente, sostible e intelixente. O obxectivo final é conectar as propostas coa Administración, para que se poida contemplar e decidir se estas ideas poden transformarse en proxectos piloto reais, que melloren a nosa xestión territorial — no caso do medio rural, no marco da iniciativa EIRA (Espazo de Innovación Rural Aplicada), impulsada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e AMTEGA.

 

A QUEN VAI DIRIXIDO?

Poden participar PEMEs, centros tecnolóxicos e centros ou grupos de investigación.

 

CALES SON AS ÁREAS TEMÁTICAS?

O concurso ten dúas verticais estratéxicas onde podes aplicar a túa idea:

  • Medio Rural: propostas para unha planificación territorial intelixente baseada en datos. Esta vertical enmárcase na iniciativa EIRA (Espazo de Innovación Rural Aplicada), impulsada por AGADER e AMTEGA para consolidar un ecosistema galego de innovación territorial que integre o dato, o coñecemento e a evidencia na toma de decisións sobre o medio rural, e as propostas deberán aliñarse con ese enfoque. Por exemplo: solucións para a recuperación de terras, control de especies, protección gandeira, xestión da auga, cultivos intelixentes, trazabilidade alimentaria ou comunidades enerxéticas.
  • Turismo: propostas para xestionar de forma intelixente os fluxos turísticos e anticiparse á saturación. Proxectos sobre a estimación de fluxos, modelización do Camiño de Santiago, ocupación de albergues e análise do perfil do visitante.

 

QUE PODES ACADAR?

  • Visibilidade: seleccionaremos seis ideas finalistas (tres do ámbito rural e tres do turismo) que serán promocionadas polas canles da Administración.
  • Proxectos piloto: haberá dúas propostas gañadoras (unha por cada área) coa meta de que nunha fase posterior sexan desenvolvidas como proxectos piloto reais implantados no territorio.

 

TECNOLOXÍA Á TÚA DISPOSICIÓN: A PLATAFORMA TERRITORIO INTELIXENTE (PTI)

Para asegurar que a túa idea sexa viable e poida integrarse coa Administración, a Xunta de Galicia pon á túa disposición a PTI. Esta infraestrutura permíteche construír a túa solución aproveitando a súa potencia. As súas principais capacidades funcionais son:

Visualización e mapas

 

  • Visores xeoespaciais, estáticos ou interactivos, integrables en páxinas web e portais corporativos.
  • Mapas interactivos que combinan información xeográfica con narrativas visuais (relatos cartográficos).
  • Cadros de mando (dashboards) que integran datos xeográficos e indicadores de negocio.
  • Aplicacións web GIS interactivas e adaptables a distintos dispositivos, de desenvolvemento áxil (low code).
  • Ferramentas móbiles para a recollida de datos en campo, sincronizables coa plataforma corporativa.

 

Datos en tempo real e sensórica (IoT)

 

  • Inxesta, visualización e análise de datos en tempo real procedentes de sensores, dispositivos IoT e outras fontes dinámicas, incluída a integración coa rede iCousas.
  • Xeración de alertas e desencadeamento de accións automáticas ante cambios detectados nos datos.

 

Análise e xeoprocesamento

 

  • Xeoprocesamentos avanzados (interpolación espacial, análise estatística xeográfica, xeración de modelos predictivos), dispoñibles tamén como servizo invocable.
  • Procesamento e análise masiva de grandes volumes de datos xeográficos.
  • Procesos periódicos de extracción, transformación e carga (ETL) desde sistemas externos cara a sistemas corporativos.

 

Imaxes e datos 3D

 

  • Procesamento e análise automatizado de imaxes (satélite, aéreas, entre outras).
  • Visualización e análise de información en tres dimensións (escenas e datos 3D).

 

Localización e cálculo territorial

 

  • Xeocodificación directa (obtención de coordenadas a partir dunha dirección ou punto de interese) e inversa (obtención de direccións ou puntos de interese a partir dunha localización).
  • Cálculo e optimización de rutas.
  • Cálculo de elevacións e alturas (compoñente Z) de puntos concretos do territorio.

 

Interoperabilidade e catálogo de datos

 

  • Posta a disposición de datos con compoñente xeográfica para o seu aproveitamento por parte doutros sistemas.
  • Catálogo centralizado de metadatos para consultar a información xeográfica dispoñible na organización.

 

 

COMO SE AVALIARÁ A TÚA IDEA?

Un xurado composto por tres representantes de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Axencia Turismo de Galicia (ATURGA) e Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) valorará:


Tras a avaliación dos formularios de candidatura, seleccionaranse as tres propostas que obtivesen a maior puntuación en cada vertical. Estas seis propostas pasarán á fase de avaliación final, na que os patrocinadores de cada vertical entrevistarán os equipos para ampliar a información das súas candidaturas.

Finalizadas as entrevistas, o comité realizará a valoración definitiva e seleccionará dúas propostas gañadoras por cada vertical.

Está previsto que o resultado final se dea a coñecer o 25 de setembro.

 

CANDO E COMO PARTICIPAR?

Para participar deberá cubrir o Anexo II das bases de participación e remitilo a través da instancia xenérica da Sede electrónica da Xunta de Galicia á Consellería de Facenda e Administración Pública e á unidade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

  • Deberás cubrir un formulario detallando: o problema, a descrición da solución, a viabilidade económica, a xustificación tecnolóxica, as fontes de datos necesarias e o equipo. Podes enriquecer a proposta con vídeos demostrativos ou gráficos. Accede aquí á información completa!
  • Prazo: o prazo comezará o 24 de xullo e rematará o día 07 de setembro de 2026 ás 23:59. Non se admitirán candidaturas fóra deste prazo.