A Axencia para a Modernización Tecnolóxica ofrece formación en ciberseguridade para un nadal máis seguro
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha, o vindeiro 28 de outubro, na aula CeMIT de Ponteareas, a primeira das sesións dunha nova edición de formación para un Nadal máis ciberseguro.
As accións formativas terán unha duración aproximada de hora e media e desenvolveranse en sesións de mañá ou de tarde, dentro da franxa de 09.00 a 18.00 horas en 25 concellos galegos.
O Nadal é unha época na que se incrementan as compras, especialmente a través de Internet. Por este motivo, a Rede CeMIT propón, un ano máis, unha formación para facilitar pautas sinxelas coas que identificar situacións de risco e adoptar hábitos dixitais máis seguros.
Durante as sesións aprenderase a realizar compras en liña de forma segura e a detectar páxinas web ou ofertas sospeitosas, así como a recoñecer fraudes asociados a promocións comerciais, sorteos, loterías, falsas mensaxes e outras estafas habituais nestas datas. A formación prestará tamén especial atención aos agasallos intelixentes, ofrecendo recomendacións para configurar e utilizar con seguridade xoguetes e dispositivos conectados.
Esta nova edición mantén a orientación práctica das anteriores accións de ciberseguridade da Rede CeMIT, incorporando novos escenarios de fraude, exemplos actualizados e recomendacións adaptadas ás ameazas dixitais actuais. As persoas asistentes coñecerán tamén recursos e ferramentas de consulta para seguir protexéndose no seu día a día.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en:
http://cemit.xunta.es/centros .