A Xunta aproba a Estratexia Galega de Software Libre para impulsar a innovación, a competitividade empresarial e a mellora dos servizos públicos
O Consello da Xunta aprobou a Estratexia galega para a promoción e difusión do software libre, coa que o Goberno galego busca estender o uso das tecnoloxías abertas para favorecer a innovación, mellorar a competitividade das empresas e avanzar na prestación de servizos públicos máis eficientes e accesibles. A iniciativa prevé actuacións dirixidas á Administración, ao tecido empresarial, á cidadanía e á comunidade tecnolóxica, e desenvolverase mediante plans de acción anuais aliñados coa Estratexia Galicia Dixital 2030.
O software libre permite utilizar, estudar, modificar e compartir os programas informáticos. Estas características facilitan a adaptación das solucións ás necesidades de cada organización, a reutilización de desenvolvementos e a colaboración para mellorar as ferramentas existentes.
Catro ámbitos de actuación
Cun orzamento de 1,5 millóns de euros ata 2029, a estratexia define medidas en catro ámbitos que se desenvolverán en colaboración cos axentes do ecosistema galego do software libre.
No ámbito empresarial, a estratexia apoiará a incorporación de solucións abertas aos procesos de dixitalización das pemes e dará visibilidade aos provedores tecnolóxicos galegos especializados. Tamén promoverá o emprendemento baseado en código aberto e unha formación adaptada ás necesidades do sector, xunto co fomento das vocacións tecnolóxicas.
No eido da capacitación e da inclusión cidadá facilitará o coñecemento e o uso de ferramentas libres, accesibles e gratuítas. Para o caso impulsará accións de formación práctica e especializada a través de recursos públicos coma a Rede CeMIT, con especial atención á redución da fenda dixital.
Na Administración pública, a estratexia promoverá o uso do software libre para optimizar os recursos e mellorar os servizos dixitais, incorporando criterios de accesibilidade e atención á diversidade. As medidas incluirán asesoramento nas licitacións e na adopción e mantemento de solucións abertas, así como o impulso á colaboración entre administracións. Ademais, potenciarase a publicación e reutilización dos desenvolvementos públicos a través de plataformas como o repositorio de software libre da Xunta, a Eira de Mancomún.
A cuarta liña da estratexia busca consolidar un ecosistema tecnolóxico dos softwares libre, plural, ético e sustentable. Neste sentido, fomentarase a optimización das infraestruturas para reducir os custos de mantemento e a pegada ambiental, así como tamén a transparencia, a seguridade dos datos da cidadanía e a prevención de nesgos discriminatorios.
Fitos
A estratexia establece entre os seus obxectivos principais ampliar a carteira de solucións de software libre difundidas a un ritmo de dez solucións anuais, ata acadar un total de máis de 250 en 2030. Paralelamente, continuarase a fomentar a liberación de proxectos na Administración, onde xa se liberaron máis de vinte iniciativas, para promover a reutilización de solucións públicas en todos os ámbitos.
Outro dos fitos será poñer á disposición do tecido empresarial galego a posibilidade de analizar e probar solucións empresariais de software libre como servizo na nube, para facilitar o coñecemento destas ferramentas e a avaliación da súa adecuación ás necesidades de cada empresa.
Unha base consolidada na Administración e no ecosistema galego
A estratexia parte da experiencia da Xunta no impulso do software libre, que ten xa unha presenza ampla e diversa na Administración autonómica, con máis de 307 elementos baseados nesta tecnoloxía, dos que 171 son solucións e ferramentas e 136 son compoñentes para o desenvolvemento de aplicacións. O seu uso abrangue desde ferramentas de produtividade e xestión de contidos ata bases de datos, seguridade e infraestruturas que sustentan os servizos dixitais. A esta implantación súmase a experiencia na reutilización de solucións públicas que se impulsa desde a Oficina de Software Libre, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Ademais, a Comunidade conta cun ecosistema de software libre cun nivel de madurez intermedio-alto, grazas a unha comunidade tecnolóxica activa e á achega de profesionais cualificados desde as universidades e os centros de formación profesional.
Segundo os últimos datos do INE, o 82,53 % das empresas galegas de dez ou máis persoas empregadas utiliza algunha modalidade de software de código aberto.