As persoas maiores de 74 anos que usan internet en Galicia duplícanse en catro anos
O uso de Internet entre as persoas maiores de 74 anos en Galicia pasou do 17,6% en 2021 ao 34,5% en 2025, o que supón case duplicar o número de internautas desta franxa de idade e a incorporación á rede de 67.483 persoas máis. No grupo dos 65 aos 74 anos o incremento foi do 44,1%, o que implica preto de 80.000 novos usuarios de internet.
Son datos recollidos no informe “Seniors Dixitais. Edición 2025”, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que constatan a incorporación das persoas maiores á sociedade dixital, cun maior uso dos servizos electrónicos, con fogares que melloran o seu equipamento e a calidade das conexións.
O uso de Internet mantén unha evolución positiva
En 2025, o 77,4 % das persoas de 65 a 74 anos utilizou Internet nos últimos tres meses, 2,6 puntos máis que no ano anterior. Entre as persoas maiores de 74 anos, a porcentaxe aumenta 5,1 puntos e chega ao 34,5 %.
O teléfono intelixente continúa sendo o dispositivo máis utilizado: emprégao o 82,6% das persoas de 65 a 74 anos e o 44,1 % das maiores de 74. Tamén avanza o uso das tablets, que alcanza o 21,1 % e o 7,8 %, respectivamente.
Servizos dixitais para a vida cotiá
O 83,9 % dos internautas de 65 a 74 anos e o 79,2 % dos maiores de 74 realizan chamadas e videochamadas. A lectura de noticias en liña tamén presenta unha participación elevada, do 78,5 % e do 60 %, respectivamente.
O 68,2 % entre os internautas de 65 a 74 anos e o 47,8 % entre os maiores de 74 empregan a banca electrónica e a cita médica a través dunha web ou aplicación é o recurso habitual para o 58 % e o 43,5 % destes grupos de idade.
O uso de administración electrónica rexistra un dos maiores incrementos e xa é empregado polo 70 % dos internautas de 65 a 74 anos. Entre os maiores de 74 anos, o uso aumenta 12,4 puntos e alcanza o 53 %, o valor máis alto da serie.
O comercio electrónico gaña presenza
O 34,7% das persoas de 65 a 74 anos que utilizaron Internet durante os últimos doce meses comprou algún ben ou servizo en liña. A porcentaxe medra 8,9 puntos nun ano.
Desde 2021 á actualidade o valor xa é máis do dobre, ao pasar do 15,8 % ao 34,7 %. Entre as persoas maiores de 74 anos, a compra por Internet alcanza o 18,2 % dos usuarios, fronte ao 17,3% do ano anterior.
Máis equipamento e mellores conexións nos fogares sénior
O 69,9 % dos fogares con persoas maiores de 74 anos dispón de Internet contratado, 2,3 puntos máis que en 2024. Desde 2021, a proporción aumenta 9,8 puntos.
Ademais, o 50,6 % destes fogares conta con algún ordenador, superando por primeira vez a metade, e o 34,7 % dispón de Smart TV. A presenza de tablets ou PDA nestes fogares aumenta 5,3 puntos porcentuais, ata o 23,6 %.
Entre os fogares con maiores de 74 anos que teñen Internet, o 63,8 % dispón de 100 Mbps ou máis, 11,9 puntos máis que en 2024. En conxunto, o 84,4 % conta con polo menos 30 Mbps.
Os datos do informe poden consultarse en https://i.gal/erIph