A Xunta avanza na mellora da cobertura móbil no rural do concello de Lugo
A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), continúa cos traballos para mellorar a cobertura móbil no rural do concello de Lugo. O delegado territorial, Javier Arias, visitou a parroquia de Gondar, onde esta mañá rematou a instalación da torre que dará servizo á zona oeste do municipio.
Na visita, á que asistiron tamén veciños da zona, subliñou a importancia desta actuación do Goberno autonómico “que supón un paso adiante para mellorar as comunicacións no rural de Lugo, o que resulta fundamental para garantir o asentamento de poboación e o desenvolvemento económico destes núcleos”.
Arias lamentou que o Concello de Lugo estea a vender estes traballos como propios, “atribuíndose investimentos que non son seus, cando é a Xunta quen se encarga de sufragar tanto a construción das torres como as acometidas eléctricas”. Explicou ademais que o habitual é que as torres de telecomunicacións se instalen en terreos cedidos por particulares, por comunidades de montes ou polos propios Concellos, a través dun convenio asinado entre Amtega e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e que no caso de Gondar a cesión veu por parte dun particular.
A Xunta instalará proximamente outras dúas torres no municipio de Lugo, concretamente nas parroquias de San Pedro de Mera e Santa María Alta, para dar cobertura aos núcleos de Bacurín, Carricova, O Burgo, Hospital, San Pedro de Abaixo, San Pedro de Arriba, Cabanas, Alta, Locai, Marcoi, Riobó, Vilariño e Torible. O Goberno autonómico destinará ás tres instalacións preto de 700.000 euros.
Nos vindeiros días, Amtega iniciará tamén os traballos para mellorar a cobertura móbil en núcleos rurais de Vilalba, Mondoñedo e Láncara.
A construción destas torres en núcleos do rural de toda a comunidade forma parte dunha actuación da Xunta complementaria aos compromisos do Estado, que é quen ten as competencias en telecomunicacións.