A Xunta aposta pola tecnoloxía como ferramenta para vertebrar o territorio e achegar os servizos públicos a toda a cidadanía

Venres 12 de Xuño de 2026

A Xunta aposta pola tecnoloxía como ferramenta para vertebrar o territorio e achegar os servizos públicos a toda a cidadanía

O conselleiro de Facenda e Administración Pública asistiu á Noite Galega da Enxeñería en Informática
Subliñou un investimento de máis de 2.450 M€ en tecnoloxías de alto impacto, como a intelixencia artificial, o internet das Cousas e a xestión intelixente do dato, no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, recolleu o Premio Impulso Dixital de Galicia polas iniciativas innovadoras do seu departamento

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participaron na Noite Galega da Enxeñería en Informática, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, onde se puxo en valor a aposta do Goberno galego pola tecnoloxía como ferramenta de cohesión territorial e se recoñeceu co Premio Impulso Dixital de Galicia a vangarda das políticas educativas e de ciencia que desenvolve a Xunta de Galicia.

Durante a súa intervención, Corgos recordou que esta aposta suma un investimento de máis de 2.450 millóns de euros en tecnoloxías de alto impacto, como a intelixencia artificial, o internet das Cousas e a xestión intelixente do dato, no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Subliñou tamén o compromiso do Goberno galego coa captación de talento dixital no sector TIC, como proba o feito de que as persoas tituladas en carreiras STEM  -ciencias, tecnoloxías, enxeñería e matemáticas- en Galicia rexistran unha taxa de ocupación superior ao 92% nos dous primeiros anos, tras finalizar os estudos.

“Galicia está consolidando un sector TIC potente e xa somos a quinta comunidade en número de empresas nestas disciplinas”, engadiu, resaltando que, na actualidade, a comunidade conta con máis de 3.100 empresas TIC, na que traballan preto de 23.500 persoas, das que máis do 40% son de alta cualificación. 

Así mesmo, lembrou que, grazas á aposta estratéxica pola intelixencia artificial, Galicia conseguiu atraer a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), “un fito que sitúa á comunidade no mapa europeo da gobernanza da IA e abre oportunidades únicas para o talento local”. Conta ademais con iniciativas para atraer coñecemento e recursos neste ámbito, como a Cidade das TIC, e dispón do Programa Galego de IA, unha ruta específica para esta tecnoloxía centrada en torno a catro eixes: Galicia rexión intelixente, talento e competencias de IA ao longo da vida, adopción estratéxica da IA e I+D+i orientado ás necesidades da economía galega.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública recordou tamén que coa creación da Amtega, Galicia foi pioneira na posta en marcha dun organismo que aglutinase todo o desenvolvemento tecnolóxico da Administración. “Actualmente, a importancia da xestión integrada dos datos, mostra o acerto da desta decisión”, puntualizou.

Logo de entregar o pin de prata do Colexio a José Baliño, director xeral de IT, Información, Procesos e Operación de ABANCA, galardoado co Premio Especial CPEIG, Miguel Corgos concluíu subliñando que os premios entregados nesta gala son unha boa mostra da aposta de Galicia por un desenvolvemento tecnolóxico que conxuga os avances a medida que se van producindo coas necesidades específicas do noso territorio.

Vangarda en educación e ciencia

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acudiu á velada para recoller o Premio Impulso Dixital de Galicia outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia á Xunta polo seu “liderado estratéxico na construción dunha Galicia más innovadora, dixital e preparada para enfrontar os retos do futuro”, segundo recoñeceu o xurado.

Entre as iniciativas máis destacadas á vangarda no ámbito da educación e a ciencia, sinálase a futura Lei de Educación Dixital de Galicia, primeira normativa autonómica destas características, e o Plan integral de benestar dixital, unha iniciativa sen precedentes en España orientada a promover un uso responsable, saudable e equilibrado da tecnoloxía. No ámbito da Ciencia póñense en valor fitos como a concesión da primeira Fábrica de Intelixencia Artificial aplicada á saúde en España, o impulso da marca I+G+i para visibilizar a ciencia e a innovación desenvoltas en Galicia, o reforzo das tecnoloxías cuánticas como ámbito tractor de futuro e o liderado de alianzas internacionais destinadas a situar á Península Ibérica como un referente tecnolóxico europeo.