A Xunta garante o acceso universal á administración electrónica coa creación da figura do persoal funcionario habilitado

Luns 03 de Agosto de 2026

A Xunta garante o acceso universal á administración electrónica coa creación da figura do persoal funcionario habilitado

O persoal da Xunta de atención presencial formará parte dun rexistro que o habilita para facer xestións e asinar documentos no nome das persoas que non dispoñen de habilidades ou medios dixitais
O resto das Administracións públicas galegas poderán asinar convenios coa Xunta para que o seu persoal tamén poida formar parte do rexistro
A Xunta tamén dispón dun rexistro de empoderamentos polo que calquera persoa pode delegar noutra para facer xestións administrativas

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Decreto que regula o Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado e a asistencia para a identificación e a sinatura electrónica, destinado a proporcionar toda a axuda necesaria no uso da Administración dixital ás persoas que non dispoñen da capacitación ou dos medios para facelo. Esta iniciativa garante o uso universal da Administración electrónica e está dirixida principalmente ás persoas maiores sen habilidades dixitais. 

Esta norma estaba prevista na lexislación estatal e autonómica de Administración dixital e afecta ao persoal funcionario en activo que atende de xeito presencial á cidadanía nas oficinas da Xunta, así como ao que se encarga de expedir copias auténticas ou o que precisa de identificación e sinatura electrónica en procedementos determinados. Este persoal funcionario axudará ás persoas físicas que non dispoñan dos medios ou dos coñecementos necesarios para relacionarse dixitalmente coa Administración. Así, bastará con que a persoa solicite esta asistencia nas oficinas de atención á cidadanía e rexistro ou, no seu caso, na dependencia do órgano tramitador, se identifique e dea o seu consentimento expreso para cada actuación a través dun formulario. 

O persoal empregado público habilitado poderá empregar a identificación e a sinatura electrónica, pero non accederá ao contido da documentación presentada nin comprobará a súa veracidade ou o cumprimento dos requisitos da tramitación. 

O Decreto tamén prevé que outras administracións públicas galegas, como concellos ou deputacións, poidan adherirse voluntariamente ao rexistro mediante convenios. 

O novo texto entrará en vigor aos vinte días naturais tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e o rexistro estará operativo tres meses despois desa data. 

O Rexistro do Persoal Funcionario Habilitado complementa outras medidas da Xunta para garantir o acceso universal á Administración dixital, como o Rexistro Electrónico Xeral de Empoderamentos, que permite que calquera persoa poida delegar noutra as súas tramitacións. 

A Xunta tamén traballa no desenvolvemento de asistentes conversacionais con intelixencia artificial, como a Plataforma Conversa, na que está prevista a realización de catro proxectos piloto para analizar e sacar o máximo rendemento a esta canle de atención á cidadanía.