A Estratexia Galicia Dixital 2030 mobilizou máis de 390 millóns de Euros en 2025 e consolidou novos avances na transformación dixital de Galicia
A Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) continuou avanzando durante 2025 coa posta en marcha de novas actuacións para acelerar a transformación dixital da Comunidade. O balance anual, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), recolle avances en todos os eixes estratéxicos da Estratexia e unha actualización das súas metas para o final da década. O investimento mobilizado ao longo do pasado exercicio foi de 390,3 millóns de euros, entre capital público e privado.
Administración máis dixital e eficiente
Durante 2025, a Administración galega continuou reforzando os seus servizos dixitais.
Así, entre as medidas desenvolvidas o pasado exercicio está a renovación integral da sede electrónica, que incorporou novos servizos, rexistrou máis de 1,6 millóns de xestións online e enviou 1,9 millóns de notificacións electrónicas; e o uso da aplicación XuntaEu, que permite o acceso aos principais servizos da administración dixital desde o móbil, continuou estendéndose e acadou as 137.000 descargas. Ademais, a Oficinas de Atención á Cidadanía tramitaron 883.000 documentos dixitalizados.
No ámbito da Administración de Xustiza, implantouse a Nova Sede Xudicial Electrónica, e incorporouse un novo visor ao Expediente Xudicial Electrónico que facilita a lectura de expedientes. Durante 2025, asináronse dixitalmente 5,3 millóns de documentos, realizáronse un total de 380.820 gravacións de vistas e enviáronse máis de 11,7 millóns de comunicacións electrónicas a través de LexNET.
Máis competencias dixitais e evolución na área sanitaria e social
A Estratexia continuou impulsando a capacitación dixital da cidadanía a través da Rede CeMIT. Ao longo do pasado ano desenvolvéronse máis de 645.000 horas de formación e emitíronse máis de 44.000 certificacións de competencias dixitais. No eido educativo, o Abalar Móbil rexistrou 548.855 usuarios.
Na área sanitaria e social continuouse avanzando na implantación de solucións baseadas en intelixencia artificial, na evolución e implantación de novos servizos como Sergas Móbil ou E-saúde; e continuouse o proceso de implantación da Historia Clínica (IANUS) en centros residenciais de persoas maiores e con discapacidade.
Conectividade, sector primario e especialización tecnolóxica
O pasado ano continuou, tamén, o despregamento das infraestruturas de telecomunicacións co obxectivo de poñer en funcionamento 68 torres de telefonía móbil, que facilitarán a cobertura móbil a máis de 5.000 persoas de 210 entidades de poboación.
A 31 de decembro de 2025 xa estaban operativas 59 dos emprazamentos previstos.
Así mesmo, a transformación dixital avanzou mediante novos servizos e iniciativas no ámbito do emprego, o sector primario e a especialización tecnolóxica. A aplicación MOBEM rexistrou 163.043 usuarios, mentres que a Oficina Virtual do Demandante superou os 373.000 usuarios e preto de 7 millóns de buscas de emprego.
Entre as iniciativas impulsadas no sector primario destaca a extensión de Lonxas 4.0 ás 53 previstas con novos sistemas de comercialización e xestión que permiten as poxas online e os trámites online para os profesionais implicados.
O balance destaca, por outra banda, o impulso ao ecosistema tecnolóxico galego cos avances para configurar a Estratexia do Espazo GobTec, aprobada ese ano co obxectivo de mellorar os servizos públicos incorporando solucións baseadas en intelixencia artificial, 5G, intelixencia do dato ou ciberseguridade nun marco de colaboración público-privada.
Neste eido está tamén a consolidación de proxectos estratéxicos como o novo Centro de Supercomputación de Galicia, así como o reforzo das liñas de apoio á innovación e ao emprendemento tecnolóxico.
Adaptación da Estratexia aos novos retos
O informe incorpora unha actualización da EGD2030 para adaptala á evolución das tecnoloxías emerxentes e aos obxectivos do Decenio Dixital Europeo. Esta actualización reforza ámbitos estratéxicos como a gobernanza TIC sostible, a ciberseguridade, a gobernanza do dato, a intelixencia artificial, a conectividade e a capacitación dixital.
Así, para 2030 márcase como meta que o 100% da poboación dispoña de cobertura de máis de 100Mbps, que o 96% das persoas conten con competencias dixitais, e que, cando menos, o 50% sexan mulleres; que máis do 94% dos galegos e galegas merquen online; que o 77,6% das persoas e o 90% das empresas realicen as súas xestións coa administración online; ou que o 35% das empresas tecnolóxicas conten con especialistas en ciberseguridade, IA ou datos.
Entre os novos obxectivos que incorpora a EGD2030, está o de que as empresas que empregan BIG Data superen o 25% e as que empregan IA acaden o 45%; que a contribución do sector TIC ao PIB galego supere o 3% e que a porcentaxe de persoas cun elevado nivel de confianza en internet acade o 22,4%.