A Xunta adapta o curso Celga 2 en liña á lectura fácil para facer accesible o coñecemento da lingua a toda a sociedade
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, presentou a adaptación do curso Celga 2 en liña á lectura fácil para facer accesible o coñecemento da lingua a toda a sociedade. Trátase dunha ferramenta dispoñible no Portal da Lingua Galega que, a través desta actualización, permite a autoformación con contidos e información accesible a persoas con discapacidades cognitivas para acadar a certificación no idioma galego.
No acto, celebrado na seda de Amtega, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que este proxecto “permite achegar a nosa lingua a todas as persoas independentemente do lugar onde residan ou das súas condicións”. Deste xeito, puxo en valor que estes cursos son un soporte moi útil e moi demandado por todos aqueles que están a preparar os exames para acadar esta certificación, que actualmente conta cun total de 8.483 matriculados.
No marco desta iniciativa, o secretario xeral da Lingua incidiu en que esta ferramenta de aprendizaxe compleméntase con 50 cursos titorizados que incrementaron o número de matriculados respecto ao ano anterior, de 930 persoas ata as 1.400. Ademais, agradeceu a colaboración da Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou de desenvolvemento de Galicia polo seu apoio formativo e de asesoramento.
Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou que o desenvolvemento de novas ferramentas tecnolóxicas, como as relacionadas coa intelixencia artificial xenerativa, sitúan á lingua nun lugar central da transformación que están a experimentar as sociedades. Neste sentido, salientou o proxecto Nós, que desenvolve recursos abertos e gratuítos para garantir a incorporación do galego ás aplicacións baseadas en intelixencia artificial e tecnoloxías da linguaxe.
Probas para obter os Celga
Ademais, a Xunta mantén aberta, ata o vindeiro 28 de marzo, a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4. As persoas interesadas deberán cubrir o formulario de solicitude da sede electrónica da Xunta e os exames realizaranse entre os meses de maio e xuño de forma presencial en Santiago de Compostela, para os niveis Celga 1, 2, 3 e 4 e en Ponferrada e Madrid, para os niveis Celga 2, 3 e 4. As datas concretas serán publicadas xunto coas sedes, horarios e listaxe definitiva de persoas admitidas tanto no DOG como no Portal da Lingua Galega.
Compromiso coa promoción do idioma
A través desta iniciativa, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén o seu compromiso coa promoción da lingua e cultura galegas e o seu achegamento a todas as persoas, dando así a oportunidade de que cada vez máis xente poida aprender galego e obter esta certificación. No marco do impulso do uso do noso idioma e do proceso iniciado baixo o Pacto pola lingua, a Administración Autonómica tamén ten en marcha outras iniciativas e está a traballar na renovación do Plan de normalización lingüística.