A Xunta convoca a segunda edición dos premios que recoñecen o labor dos axentes TIC das Aulas CeMIT para impulsar a capacitación dixital da sociedade galega

Xoves 19 de Xuño de 2025

A Xunta convoca a segunda edición dos premios que recoñecen o labor dos axentes TIC das Aulas CeMIT para impulsar a capacitación dixital da sociedade galega

Os profesionais responsables das aulas poden presentar as súas candidaturas desde mañá, ata o vindeiro 18 de xullo
A convocatoria establece tres categorías con premios en metálico de entre 1.500 e 3.000 euros

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca a segunda edición dos Premios Axentes TIC da Rede CeMiT, cuxas bases publica hoxe o Diario Oficial de Galicia . O obxectivo destes galardóns é recoñecer o labor que desenvolven estes profesionais para impulsar a capacitación dixital dos galegos desde a rede de aulas públicas.

Os interesados en participar poden presentar as súas candidaturas desde mañá, ata o vindeiro 18 de xullo. Os premios establecen tres categorías: Espazo maker e Maiores Dixitais, que recoñecen as iniciativas máis creativas e orixinais orientadas á infancia, á xuventude e adultos, no primeiro caso e ás persoas maiores, no segundo. Ambas categorías están dotadas cun premio de 2.000 euros, se é unha candidatura individual e de 3.000 euros se se presenta en equipo. A terceira categoría é a de Axente TIC, que recoñece o esforzo e dedicación destes profesionais cun primeiro premio de 2.000 euros e un segundo premio de 1.000 euros.

As iniciativas que se presenten teñen que ter sido desenvoltas entre o 1 de xaneiro e o 18 de xullo deste ano e poden incluír o uso dos complementos tecnolóxicos punteiros cos que contan as aulas CeMIT: lentes de realidade virtual, drons, kits de robótica, impresoras 3D ou kits de placas de comunicación e programación.

Axentes TIC

Os axentes TIC desenvolven un papel fundamental na Rede CeMIT, dinamizando as actividades das aulas e prestando apoio á cidadanía no uso das tecnoloxías. As aulas ofrecen, principalmente, formación orientada á alfabetización e á capacitación dixital, ademais doutras actividades máis especializadas como o uso da impresión 3D, voo de drons, programación e robótica ou o emprego de ferramentas de intelixencia artificial.

Actualmente, a Rede conta con preto de 120.000 usuarios e leva impartidas máis de 591.259 horas de formación dixital gratuíta desde a súa posta en marcha.