A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convoca novas probas para obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais nos niveis de iniciación e intermedio
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia tres convocatorias
para obter a Certificación galega en competencias dixitais (ComDix), que terán lugar no primeiro semestre de 2026.
Á primeira convocatoria para o nivel de iniciación abre o período de inscricións o vindeiro luns 19, mentres que a segunda convocatoria deste mesmo nivel comezará o período de inscricións en maio. Para o nivel intermedio hai prevista unha convocatoria á que se poderán inscribir as persoas interesadas en marzo.
Na páxina web da Rede CeMIT actualizaranse periodicamente as aulas da rede, as datas e as quendas específicas de cada centro participante nestas probas.
As persoas interesadas poderanse inscribir nun sistema automático que lles informará mediante un correo electrónico da apertura dos prazos de inscrición e a posibilidade de iniciar a tramitación da súa solicitude.
Tras a finalización do prazo de inscrición, e logo da publicación do listado definitivo no caso de que existan prazas vacantes, abrirase un período extraordinario para a súa adxudicación mediante solicitude dos participantes que figuren nos listados de espera.
Estas convocatorias están abertas a toda a cidadanía e teñen como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional.
Contidos online e avaliación
Na plataforma de teleformación da Rede CeMIT pódense atopar en liña os contidos formativos para a preparación da proba, que abarcan as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de competencias dixitais.
Para obter o certificado ComDix Iniciación é preciso superar na proba un cuestionario de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego ComDix.
Novas convocatorias para o ano 2026
Durante o ano 2025 convocáronse 6.635 prazas para obter a certificación de competencias dixitais (ComDix), tanto no seu nivel Iniciación (3.577) como no seu nivel Intermedio (3.058).
A estas probas se presentaron un total de 3.201 persoas, das cales preto de 2.300 obtiveron a certificación, máis dun 70% das que se presentaron.