A Rede CeMIT incorpora novo material para facilitar a capacitación dixital das persoas con diversidade funcional

Xoves 23 de Maio de 2024

A Rede CeMIT incorpora novo material para facilitar a capacitación dixital das persoas con diversidade funcional

Axentes TIC e representantes de asociacións que traballan con este colectivo participaron hoxe nunha xornada formativa para impulsar unha aprendizaxe máis inclusiva nas aulas desta rede pública
A Rede vén de incorporar unha serie de dispositivos como ratos tipo joystick, pantallas táctiles ou teclados braille, que poden ser solicitados polas aulas que os precisen
No encontro entregáronse os premios Axentes TIC que recoñecen o labor de dinamización destes profesionais

Axentes TIC da Rede de aulas CeMIT e representantes de diferentes asociacións que traballan con persoas con diversidade funcional participaron hoxe na xornada A Rede CeMIT derrubando barreiras cara a inclusión dixital, organizada pola Axencia para a Modernización Tecnoloxica de Galicia (Amtega). O encontro, celebrado no Centro GaiásTech, tiña como obxectivo abordar o enfoque necesario para que o acceso á capacitación dixital das persoas con capacidades diversas sexa o máis efectivo e accesible posible desde esta rede de aulas públicas.

Na xornada participaron o director de Área de Sociedade Dixital da Amtega, Miguel Rodríguez, e a secretaria xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias, Patricia Vilán. Durante o encontro os axentes TIC tiveron a oportunidade de coñecer o material inclusivo rotatorio recentemente adquirido para a Rede CeMIT e que consiste en pantallas táctiles, ratos tipo joystick, controladores de mentón, conmutadores de rato, teclados de alto contraste amplificado, teclados adaptado liña braille, e brazos articulado universal. 

Así mesmo, durante a actividade formativa, procedeuse á doazón de diversos obxectos impresos en 3D á Asociación Sarela, que traballa con persoas con dano cerebral adquirido, e cos que se busca facilitar as tarefas cotiás de persoas con discapacidade tales como agarrar unha culler, atar as cordas dos zapatos ou extraer a pasta do tubo dentífrico. 

Premios Axente TIC

Durante o transcurso da xornada tamén se fixo entrega dos Premios Axentes TIC da Rede CeMIT, na que se premiaron iniciativas dentro das categorías “Espazo Maker” e “Maiores Dixitais”.  Estes premios buscan recoñecer o compromiso e a labor do persoal dinamizador da Rede,. 

Na categoría de “Espazo Maker” o primeiro premio foi entregado a Ana María Pérez Martínez, axente TIC da aula de Guitiriz, quedando en segundo lugar Víctor Manuel Galdo Gómez, axente TIC da aula de Cuntis. Así mesmo, dentro da categoría de “Maiores Dixitais” o gañador do primeiro premio foi José Manuel Rego López, axente TIC da aula de Castrelo de Miño, e o segundo premio recaeu en Laura Fernández Álvarez, axente TIC da aula de Celanova. 

A Rede CeMIT

A Rede Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega, que conta coa colaboración de 90 concellos. Ten entre os seus obxectivos o de promover o uso da tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación e amosar as vantaxes da sociedade dixital.