Os concellos que empregan as ferramentas de ciberseguridade da Xunta cuadruplicáronse no último ano

Luns 15 de Setembro de 2025

Os concellos que empregan as ferramentas de ciberseguridade da Xunta cuadruplicáronse no último ano

Un total de 113 entidades locais teñen este ano monitorizados os seus servizos da
internet para identificar e cualificar riscos, fronte ás 30 de 2024
Na primeira metade deste ano, a Xunta de Galicia reportou ás entidades locais preto
de 2.000 alertas por posibles fraudes, como credenciais roubadas ou webs falsas
Os servizos autonómicos procesan diariamente 710 millóns de eventos informáticos
en concellos e deputacións
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia informou hoxe o Consello
sobre os servizos de ciberseguridade prestados á Administración local

As catro deputacións e 109 concellos utilizan os sistemas de monitorización dos servizos na internet proporcionados pola Xunta de Galicia, unha cifra que case se multiplicou por catro con respecto a 2024, cando eran 26 concellos e as catro deputacións. Estas ferramentas para identificar e cualificar riscos na rede permiten o control da actividade de 170 direccións IP e 252 dominios.


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia elaborou un informe sobre os servizos de ciberseguridasde prestados pola Xunta ás administracións locais, que hoxe foi recibido polo Consello de Goberno.


A Xunta ofrece servizos de ciberseguridade aos concellos e deputacións dende que en 2021 se puxo en marcha o plan para protexer ás entidades locais galegas fronte aos ciberataques. Esta prestación inclúe ferramentas e servizos avanzados de ciberseguridade, ademais de apoio técnico e iniciativas formativas e de capacitación.


A través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia póñense a disposición dos concellos e deputacións unha Oficina Técnica de Seguridade, monotorización dos servizos de internet, vixilancia dixital, monotorización permanente de alertas de ciberseguridade, auditorías técnicas para a mellora da seguridade, servizos de protección avanzada, e charlas para a formación e concienciación. Ademais, hai un servizo transversal para a difusión de información sobre ciberseguridade.


As deputacións, así como 22 grandes concellos, empregan os servizos de vixilancia dixital, que permiten unha supervisión continua de información sensible e evitan fraudes como o roubo de credenciais (usuario e contrasinal), dominios sospeitosos ou portais web similares aos das administracións, ou uso non autorizado do nome ou logotipo da entidade. A mediados de ano, este servizo levaba detectados cerca de 2.000 alertas de posibles fraudes. En 2024 lográronse identificar máis de 3.600 alertas.


A monitorización permanente de alertas de ciberseguridade é utilizada por 10 entidades locais e permite procesar máis de 700 millóns de eventos cada día. Na primeira metade deste ano levábanse xestionadas 8.500 alertas ou intentos de ataque.

Desde 2022, a Xunta realizou 172 auditorías técnicas sobre ciberseguridade en deputacións e concellos e puxo á súa disposición 6.000 licencias dunha plataforma de protección avanzada.


O informe sinala que o plan para a protección das entidades locais é un exercicio de visión estratéxica, solidariedade institucional e optimización de esforzos. Estas administracións prestan servizos esenciais á cidadanía, que deben ser garantidos, e son depositarias de datos sensibles, que deben ser protexidos.


O acordo marco vixente para proporcionar servizos de ciberseguridade ás Administracións públicas, aprobado en 2024, ten un orzamento de 29.065.796 euros. Con anterioridade, en decembro de 2021, aprobárase o primeiro acordo marco por 8,2 millóns de euros, pero o incremento de incidentes de seguridade e a necesidade das entidades públicas dun asesoramento e soporte especializado neste ámbito fixo necesario triplicar a previsión.