O 95 % dos procedementos con máis de cen solicitudes serán completamente dixitais en 2027

Luns 03 de Novembro de 2025

O 95 % dos procedementos con máis de cen solicitudes serán completamente dixitais en 2027

O Consello da Xunta foi informado Plan de traballo para a dixitalización plena dos procedementos 2026-2027
As actuacións contidas no plan implican investimentos por importe de 9,79 millóns de euros
O Goberno galego botarán man da automatización, a intelixencia artificial e a analítica de procesos para facilitar á cidadanía galega os seus trámites coa Administración
A simplificación administrativa, as actuacións proactivas e o uso das tecnoloxías permite ofrecer uns servizos máis eficaces, máis personalizados, más accesibles e máis seguros
Entre os obxectivos atópase tamén a posibilidade de facer todo tipo de trámites dende dispositivos móbiles

O uso das tecnoloxías na Administración dixital permite á Administración ofrecer uns servizos máis eficaces, máis personalizados, máis accesibles e máis seguros. Humanizar a Administración é un dos obxectivos principais da visión 360º da cidadanía que ten en marcha a Xunta.
A dixitalización plena dos procedementos e as automatizacións simplifican as tramitacións, tanto para as persoas e empresas (que, por exemplo, non teñen que aportar documentación que xa presentaran con anterioridade en calquera oficina ou departamento); como para quen traballa na Administración, que, ao desprenderse de accións mecánicas e repetitivas, poderá dedicar máis tempo á resolución de problemas concretos.
Os servizos proactivos permiten á Administración anticiparse ás necesidades da cidadanía a través de mecanismos intelixentes que activan automaticamente trámites dirixidos a persoas concretas (como a renovación dun carné ou una licencia ou a solicitude dunha axuda ou subvención).

A planificación presentada hoxe prevé, así mesmo, a ampliación das funcionalidades en mobilidade para a cidadanía, como a aplicación para móbiles Xunta Eu. Ademais, inclúe medidas para a dixitalización das oficinas de atención á cidadanía e rexistro e o impulso de novos escenarios de interoperabilidade entre departamentos e Administracións.
O informe analiza o grao de dixitalización dos procedementos administrativos da Xunta de Galicia, así como das diferentes consellerías, organismos ou centros directivos. Tamén indica os obxectivos ata 2027 do plan de dixitalización de procesos, que da continuidade ao III Plan de Administración e Goberno Dixital.
Para determinar o grao de dixitalización, o informe identifica catro niveis:
- Nivel 0, para os procedementos ou servizos que non dispoñen dunha ferramenta dixital.
- Nivel 1, para os procedementos que utilizan unha ferramenta dixital con utilidades parciais.
- Nivel 2, para os procedementos que contan cunha ferramenta dixital que garante a relación coa cidadanía e as empresas dun xeito eficiente por esta vía.
- Nivel 3, para os procedementos que, ademais de contar cunha ferramenta que garante a relación dixital coa cidadanía, están integrados cos sistemas transversais para cumprir coas obrigas de xestión interna dixital.
Na actualidade, a porcentaxe de procedementos que reciben máis de 25 solicitudes anuais co maior grao de dixitalización (nivel 3) é do 31%. O obxectivo establecido no plan é chegar ao 50% en 2027. Este obxectivo sube ata o 95% no caso dos procedementos que reciben máis de 100 solicitudes anuais, é dicir, os que representan máis carga de traballo para a Administración.
En 2024, a porcentaxe de solicitudes recibidas pola Xunta que xeraron expedientes que se incluíron na carpeta cidadá foi do 65%. O obxectivo é chegar ao 80% en 2027.
As consellerías que dispoñen de máis procedementos co maior grao de dixitalización son as de Economía e Industria, co 41% no nivel 3; e a de Emprego, Comercio e Emigración, co 40%. Ambas atópanse tamén entre as consellería que xestionan máis solicitudes e tramitacións.
En canto á porcentaxe de solicitudes con expedientes na carpeta cidadá, é xa do 100% na Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e na Consellería do Mar. Esta porcentaxe é tamén moi elevada (o 86%) no caso da Consellería de Medio Rural.
Para lograr estes obxectivos, o Plan establece actuacións para a disposición dun sistema de tramitación que permita desenvolver o proceso de xeito plenamente dixital mediante sistemas transversais de tramitación, sistemas os plataformas sectoriais e aplicacións específicas para pequenos procedementos. A Xunta tamén completará a dixitalización dos trámites relacionados con axudas e subvencións.
Así mesmo, o modelo prevé unha redución significativa da solicitude xenérica que non conta cun sistema electrónico específico. O obxectivo é dispoñer dunha visión integral a través da universalización do uso de ferramentas de tramitación dixital, integradas no sistema contable.
Para mellorar a calidade dos documentos e dos datos, a Xunta impulsará o seu arquivo electrónico administrativo, que actualmente integra o 42% dos procedementos, ata alcanzar o 70% en 2027. Así mesmo, reforzará a actualización continua da información das persoas a través da carpeta cidadá. Esta mellora estará aliñada cun sistema centralizado de datos no Nodo de Información Cidadá (Citizen Data Hub), que establece un modelo de identificación único para cada persoa.