A Xunta inicia a implantación dun laboratorio e centro demostrador para anticipar riscos e validar solucións de ciberseguridade
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, inaugurou hoxe a xornada que marca o inicio da instalación e posta en marcha dun laboratorio e centro demostrador transversal de ciberseguridade da Xunta. Este centro, que dispón de dous laboratorios complementarios, estará localizado inicialmente na Cidade da Cultura e integrarase no Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que se está a construír en San Cribrao das Viñas (Ourense).
Damián Rey destacou que a Xunta de Galicia impulsa esta infraestrutura estratéxica, que marcará un fito no fortalecemento do ecosistema galego de seguridade dixital e na preparación do tecido produtivo ante os novos retos tecnolóxicos. Na actualidade está a procederse ao despregamento progresivo do equipamento tecnolóxico e a adecuación dos espazos, con previsión de que ambos os laboratorios estean plenamente operativos a finais do próximo mes de xuño.
De forma paralela ao proceso de implantación técnica, comezan a desenvolverse distintas actividades divulgativas e formativas vinculadas aos laboratorios. A primeira delas foi a xornada informativa de hoxe sobre ciberseguridade industrial. Durante a sesión, abordouse a ciberseguridade industrial desde unha perspectiva práctica e estratéxica, e analizouse o seu crecente impacto normativo, coa presentación de iniciativas de formación especializada e compartindo a visión do ecosistema galego a través dun panel de expertos.
O laboratorio permitirtá dotar a Galicia de capacidades avanzadas de experimentación, validación e demostración tecnolóxica, e sitúa á Comunidade como referente en ciberseguridade aplicada tanto a produtos dixitais como a contornas industriais. Ademais, impulsa a innovación, a transferencia de coñecemento e a cooperación público-privada.
A actuación desenvólvese no marco do programa RETECH (Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica) e está financiada polos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Unión Europea – NextGenerationEU, canalizados a través do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE).
O proxecto, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, intégrase nunha iniciativa máis ampla orientada a crear unha rede galega de laboratorios e centros demostradores de ciberseguridade en colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Universidade de Vigo, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), co obxectivo común de fortalecer a investigación, a innovación e a transferencia de solucións en ciberseguridade ao tecido produtivo galego.
O laboratorio transversal, composto polo Laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade en produtos con elementos dixitais e o Laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade industrial, actuará de forma coordinada para reforzar as capacidades de empresas, administracións públicas e cidadanía fronte ás novas ameazas dixitais.