A Xunta autoriza un acordo marco para dar continuidade e ampliar a plataforma de acceso remoto aos postos de traballo do empregado público

Luns 09 de Febreiro de 2026

A Xunta autoriza un acordo marco para dar continuidade e ampliar a plataforma de acceso remoto aos postos de traballo do empregado público

A solución, posta en marcha no ano 2021, permítelles aos empregados públicos acceder de forma segura e remota aos seus equipos e aplicacións corporativas
O acordo garante a continuidade do servizo e posibilita a ampliación progresiva da plataforma, que dá servizo a 5.000 profesionais da Administración autonómica, coa previsión de chegar a atender ata 10.000 usuarios ao mesmo tempo
O acordo marco terá unha vixencia de catro anos e un valor estimado máximo de 8,6 millóns de euros

O Consello da Xunta autorizou hoxe a tramitación dun acordo marco que garante a continuidade, o mantemento e a ampliación da plataforma de virtualización de postos de traballo, impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que lles permite aos empregados públicos acceder de maneira segura aos seus equipos e aplicacións corporativas, tanto desde o posto físico da oficina como en modalidade de teletraballo ou mobilidade. 

O acordo marco autorizado hoxe permitirá garantir a continuidade deste servizo, asegurando a dispoñibilidade das licenzas necesarias e dos servizos de xestión e soporte da plataforma. Ademais, este modelo de contratación permitirá ampliar progresivamente as capacidades da plataforma en función do incremento das necesidades. Actualmente dá servizo a 5.000 empregados públicos (1.500 do eido xudicial) e o obxectivo deste novo acordo marco é que a plataforma teña capacidade para atender ata 10.000 usuarios ao mesmo tempo. 

O acordo marco terá unha vixencia de catro anos e un valor estimado de ata 8,6 millóns de euros. Está dividido en dous lotes, o de subministración de licenzas e o da prestación dos servizos de operación e soporte por un único empresario. 

A plataforma púxose en marcha no ano 2022 como unha infraestrutura estratéxica para ofrecerlles aos empregados públicos o acceso a un escritorio corporativo virtual único e homoxéneo, independente do dispositivo de acceso empregado, e accesible desde calquera localización que cumpra os requisitos de seguridade establecidos. 

Desde entón, converteuse nun elemento clave para o desenvolvemento do traballo en mobilidade e para a modernización da xestión dos postos de traballo dixitais da Administración autonómica. 

A plataforma de virtualización posibilita o acceso ás aplicacións corporativas sen necesidade de conexión mediante VPN nin de manter aceso o posto físico da oficina, mellorando a rapidez de acceso e optimizando o uso dos recursos de rede. O acceso realízase mediante credenciais corporativas e sistemas de autenticación reforzada, como certificados electrónicos ou códigos dun só uso, garantindo os máximos niveis de seguridade. 

Entre as principais vantaxes da plataforma destacan tamén a súa escalabilidade inmediata, que permite aumentar os recursos asignados aos postos de traballo sen intervención directa nos equipos dos usuarios, e a xestión centralizada das actualizacións de software e seguridade, que se realizan de forma uniforme e transparente, o que mellora a estabilidade do servizo e reduce incidencias.