Máis de 750 liñas de autobús da provincia de Pontevedra contan coa Plataforma Galega de Mobilidade MoBT impulsada pola Xunta

Martes 21 de Abril de 2026

Máis de 750 liñas de autobús da provincia de Pontevedra contan coa Plataforma Galega de Mobilidade MoBT impulsada pola Xunta

Permite o pago no autobús a través do teléfono móbil, eliminando a necesidade de acudir a unha oficina bancaria, de dispoñer dunha tarxeta e de recargar no caixeiro
A directora xeral de Mobilidade e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia visitaron Marín e O Porriño para informar das vantaxes da medida
A previsión é que estea implantada en todo o territorio galego a finais deste ano

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, informaron hoxe en Marín e no Porriño das vantaxes da Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 MoBT, activa xa en 20 contratos de transporte da provincia de Pontevedra que suman máis de 750 liñas. Segundo sinalaron, a previsión é que estean cubertos o 100% dos desprazamentos interurbanos de toda a Comunidade a finais de ano.

Así, a solución, financiada con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, permite o pago no autobús a través do teléfono móbil, eliminando así a necesidade de acudir a unha oficina bancaria, de dispoñer dunha tarxeta e de recargar no caixeiro. O obxectivo é facilitar o acceso ao transporte público mediante a incorporación de tecnoloxías avanzadas de pagamento, que permitan mellorar a experiencia do usuario, aumentar a eficiencia do sistema e fomentar o emprego do transporte público como alternativa sostible. Deste xeito, as persoas usuarias dispoñen dunha conta na nube cun moedeiro virtual asociado. O saldo do moedeiro virtual pódese coñecer en cada momento e recargarse a través da APP móbil MoBT.

A aplicación, dispoñible tanto para os dispositivos Android como para Apple, ten tamén entre as súas funcionalidades a xestión do moedeiro con recarga en liña e un histórico de viaxes. Dispón ademais dun buscador avanzado con todos os servizos de transporte público de Galicia para facilitar a planificación multimodal dos desprazamentos.

Cobertura en Marín e no Porriño

No caso de Marín, nunha visita ao IES Chan do Monte, Judit Fontela e Damián Rey indicaron que os catro contratos que cobren o concello contan xa coa plataforma activa, sumando 25 liñas. A continuación desprazáronse ao Porriño, onde informaron que hai cinco contratos que inclúen preto de 80 liñas coa plataforma activa.

Judit Fontela e Damián Rey animaron a poboación destas áreas a descargar a plataforma e facer uso dela para beneficiarse de todas as vantaxes que ofrece. Ademais de nas áreas de Pontevedra, Vigo e O Morrazo, no conxunto de Galicia, a solución pódese utilizar xa na área metropolitana da Coruña, na comarca do Salnés, na Mariña de Lugo e na Terra Chá, así como en desprazamentos de longo percorrido entre Ferrol e Ourense, Ferrol e Vigo , Lugo e Vigo e no directo entre A Coruña e Lugo.