A Xunta resolve máis da metade das incidencias informáticas do persoal en menos dunha hora
Os sistemas da Xunta de Galicia para a atención ás persoas usuarias dos servizos da Administración resolveron en 2025 o 52 % das incidencias informáticas en menos dunha hora, segundo os datos do balance da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
As incidencias foron atendidas polo Centro de Atención ás Persoas Usuarias (CAU), polo Centro de Servizo ás Persoas Usuarias (CSU) de Xustiza e pola Unidade de Atención a Centros (UAC) de Educación. Estes servizos mantiveron ao longo de 2025 máis de 254.000 contactos, o que representa unha media diaria de cerca de 700.
O balance de 2025 da EGD2030 destaca tamén a implantación do WhatsApp coma nova canle de contacto coa cidadanía para o soporte técnico da aplicación XuntaEu para dispositivos móbiles e da Sede Electrónica. Así mesmo, púxose en marcha un proxecto piloto de videoidentificación para a emisión de tarxetas de empregado público, que permite realizar o trámite integramente en liña.
Ciberseguridade
A dirección de Infraestruturas e Seguridade da Amtega controlou en 2025 máis de 710 millóns de eventos diarios nos equipos informáticos das administracións locais e máis de 765 millóns nos da Administración autonómica. Isto permitiu detectar máis de 263 millóns de ameazas e xestionar máis de 15.000 incidentes de seguridade relacionados co roubo de credenciais.