Cerca do 90 % das comunicacións da cidadanía coa Xunta fanse xa pola vía dixital
Galicia experimentou nos últimos anos un salto cualitativo e cuantitativo cara á universalización da Administración electrónica e os servizos públicos dixitais, que hoxe están dispoñibles para a práctica totalidade da cidadanía. En 2024, o 86,23% das entradas no sistema de rexistro da Xunta foron a través da sede electrónica, e o 84,8% das autoliquidacións de impostos da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) realizáronse a través da canle dixital.
O Consello de Goberno da Xunta recibiu hoxe un informe da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sobre os principais avances rexistrados en 2024. Os datos confirman que Galicia dispón dunha administración e uns servizos completamente dixitalizados e actualizados de acordo cos avances das tecnoloxías.
Poboación conectada e mellora na telefonía rural
O informe destaca que en 2024, o 95,1% dos fogares galegos tiña contratada a conexión a internet. Ademais, a Xunta mantivo a iniciativa para dotar con telefonía móbil con voz e datos a poboacións que se atopan en zonas rurais e illadas. Trátase dunha medida excepcional para a que a Xunta tivo que solicitar unha autorización da Comisión Europea, que complementa a responsabilidade do Estado, que é o que ten a competencia nesta materia e o compromiso de dotar deste servizo a toda a poboación. En concreto, en 2024, a Xunta instalou 22 novas torres, que se sumaron ás 37 que xa se instalaran con anterioridade. Deste xeito, dáse servizo a 166 poboacións rurais que non dispoñían deste servizo.
Administración plenamente dixital
No que respecta á Administración electrónica, en 2024 habilitáronse 651 novos procedementos e convocatorias que puideron realizarse en liña. Tamén se avanzou na dotación de funcionalidades á aplicación XuntaEU, que permite facer trámites e consultas dende os teléfonos móbiles. Entre estas novas utilidades atópase a ampliación ata 16 dos certificados e carnés que se poden consultar e presentar dende estes dispositivos. A aplicación permite mostrar directamente carnés como o de familia numerosa, de bibliotecas, de pesca deportiva ou o carné Xove, así como acceder a certificados como os de estar habilitado para facer instalacións térmicas en edificios ou para manexar guindastres.
Tamén se puxeron en marcha 6 novos servizos proactivos, que evitan que as persoas teñan que estar pendentes de trámites, como é o sistema de renovación automática de licencias de caza e pesca fluvial.
En 2024, case nove de cada dez comunicacións referentes ás listas para a cobertura temporal de postos de traballo na Xunta e nos servizos públicos autonómicos fixéronse por vía electrónica.
Universalización dos servizos públicos dixitais
Consolidouse tamén a universalización da dixitalización da Xustiza, na que o 100% das salas de vistas dispoñen xa de dotación dixital. En 2024 houbo máis de 20.000 presentacións na Sede Electrónica Xudicial, o que representa cinco veces máis que en 2021. As sete cidades de Galicia dispoñen xa de Oficinas de Atención as Vítimas do Delito, que xestionaron máis de 1.100 expedientes.
En 2024 destináronse 24,6 millóns de euros a avanzar e consolidar a universalización da dixitalización do sistema educativo público de Galicia, que practicamente ten completada a dixitalización das aulas entre 1o de primaria e 2o de Bacharelato, na Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial.
Foi tamén significativo o avance no uso das ferramentas dixitais na atención a persoas maiores ou con discapacidade. Xestionáronse máis de 25.000 informes de dependencia a través do sistema de Historia Social Única Electrónica, catro veces máis que en 2020. Os sistema de monitorización de actividade, confort e seguridade das persoas residentes está implantado xa en 26 dos 28 centros previstos, e 23 residencias contan xa co novo modelo tecnolóxico de comunicación co persoal de enfermería.
Por outra banda, máis do 84% das renovacións de demanda de emprego realízanse xa de forma telemática e, en 2024, integrouse o sistema de intermediación laboral (SICAS) coa ferramenta Emprego Intelixente (EMI) de información e de apoio na toma de decisión con aplicación de intelixencia artificial.
Avanzouse tamén na protección dos sistemas usados polas administracións autonómica e locais fronte aos ataques de ciberdelincuentes. En 2024, as plataformas de seguridade perimetral da Xunta bloquearon 237 millóns de intentos de intrusión. No ámbito das entidades locais procesáronse 7.600 eventos de seguridade por segundo. En 2024 comezaron as obras de construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia no Parque Tecnópole de Ourense.
Outro fito importante de 2024 foi a universalización da ferramenta de apoio na xestión das confrarías galegas, da que se benefician 10.455 membros do 100% dos pósitos. Ademais, avanzouse a implantación das lonxas electrónicas, que en 2024 comercializaron 18.000 toneladas de peixe. En 2025 completarase a dotación ao 100% das lonxas de Galicia.
O proceso de transformación dixital permitiu tamén mellorar os sistemas de loita contra os incendios, coa aplicación de modelos de aprendizaxe automática para a detección dos lumes; xestionar o patrimonio natural; mellorar a xestión urbanística cun novo portal de ordenación do territorio; iniciar con proxecto piloto a implantación do sistema de pago con móbil no transporte público; consolidar o sistema de intelixencia turística; ou poñer en marcha o novo modelo de consulta intelixente do patrimonio cultural co modelo Galiciana Semántica.
Cidadanía capacitada e rexión especializada en tecnoloxía
No que se refire á capacitación dixital da cidadanía, destaca o incremento do uso de internet por parte de persoas de máis de 75 anos, que en 2019 era do 17,9% e en 2024 foi do 40,4%. En 2024 convocáronse as primeiras prazas para a obtención da nova Certificación Galega en Competencias Dixitais (COMDIX) para a cidadanía, e realizáronse os 2.600 primeiros exames. No ámbito da educación emitíronse 21.000 certificados.
En canto á consolidación do ecosistema dixital e a especialización de Galicia en tecnoloxías destacou a redacción e aprobación da primeira lei sobre o uso e a promoción da intelixencia artificial que se adopta no ámbito rexional europeo.