As mulleres galegas elixen Formación Dixital para adquirir competencias dixitais

Martes 28 de Xaneiro de 2025

As mulleres galegas elixen Formación Dixital para adquirir competencias dixitais

Máis de 1.000 galegas xa se sumaron a Formación Dixital, o programa gratuíto da Xunta de Galicia para a capacitación en competencias dixitais.
O proxecto está dirixido a toda a cidadanía a partir dos 14 anos.
O curso 100% en liña, gratuíto e 100% titorizado serve como base para preparar a Certificación Galega en Competencias Dixitais.

O programa Formación Dixital, posto en marcha pola Xunta de Galicia, a través da Amtega, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, suma xa máis de 1.000 inscricións entre as mulleres galegas, que escolleron esta formación para certificar as súas competencias dixitais.

O obxetivo do programa destinado a máis de 45.000 persoas a partir dos 14 anos, é impulsar a alfabetización da sociedade galega no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030, facilitando ferramentas para que os cidadáns e cidadás consigan a capacitación dixital necesaria para desenvolverse con seguridade.

O curso de nivel intermedio, ten as inscricións abertas a través da web www.formaciondixital.gal. A duración máxima é de 10 semanas, nas que se ofrecen contidos teóricos e actividades prácticas de forma sinxela e titorizada.

 

O CURSO DE FORMACIÓN DIXITAL

A formación ten unha duración máxima de 10 semanas nas que o alumno/a poderá avanzar o curso ao seu ritmo, a través dunha aprendizaxe guiada. Dispoñerá de sesións simultáneas de acompañamento con especialistas para resolver dificultades e retos. O curso desenvolverase dunha forma amena e atractiva mediante contidos formativos e actividades prácticas. Para a súa finalización os participantes terán que aprobar de maneira obrigatoria o 80% das actividades avaliativas.

Ademais dun test de autodiagnóstico e unha avaliación final, o curso traballa 5 bloques temáticos: Consulta e xestión da información dixital; Comunicación e colaboración; Creación de contidos dixitais, Benestar dixital: seguridade e protección e Contorna dixital e resolución de problemas.

A formación é totalmente gratuíta para o alumnado, xa que está financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (Next Generation da Unión Europea) e ademáis, servirá de base para preparar a Certificación Galega de Competencias Dixitais (ComDix).