Proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030

Proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030

PROBA

Ao longo da historia, os avances tecnolóxicos aumentaron a eficiencia dos medios para producir, mudaron a forma de consumir e diminuíron barreiras de espazo e tempo. Ningún destes avances tivo a capacidade transformadora das tecnoloxías dixitais; a transformación dixital xa non consiste en adaptarse aos cambios, senón en xerar o cambio aproveitando o potencial da tecnoloxía.

O cambio deixa de ter carácter conxuntural para converterse nun factor estrutural, incorporando unha importante compoñente humana:

Transfórmanse os modelos de relación, incluíndo interaccións con máquinas. Cambia o patrón económico, ao diminuír as barreiras de entrada ao mercado global para calquera individuo. Muda a concepción do papel do traballo poñendo no centro o equilibrio entre a vida profesional e individual.

Neste contexto, xurde o proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 co obxectivo de establecer unha estratexia dixital única para Galicia, da que sexan participes a cidadanía, as empresas e as administracións, co fin último de contribuír ao aumento da calidade de vida e ao desenvolvemento sostible nas súas tres vertentes: económica, social e medioambiental.

Estratexia Dixital de Galicia 2030 - Lanzamento do proceso de elaboración

 

icono lista  Comité académico de expertos

Constituíuse un Comité académico de expertos en diferentes disciplinas que contribuiron a configurar as directrices da folla de ruta dixital para esta década. Integrárono 22 académicos do ámbito tecnolóxico, industrial, económico, xurídico, sociolóxico, educativo e sanitario das tres universidades galegas.

As cuestións clave sobre as que este grupo de expertos fixeron as súas achegas e reflexións xiran en torno aos novos modelos económicos e laborais; as competencias dixitais da sociedade; os novos perfís profesionais; a adaptación dos servizos públicos as demandas sociais; a posición de Galicia nas tecnoloxías do futuro; así como o marco ético e xurídico necesario nun contexto de rápido e continuo avance dixital.

O traballo deste Comité foi fundamental na identificación das principais pancas a incorporar na Estratexia, e na vixilancia das últimas tendencias para contribuír a identificar nunha fase temperá os cambios que se aproximan en todas as esferas da sociedade.

Como resultado da reflexión inicial realizada, pode consultar o documento ‘Unha mirada ao futuro Dixital’ na seguinte ligazón, no que se identifican as principais pancas a considerar de cara á elaboración da EDG2030 en liña coas directrices europeas.

 

icono lista  Foro de debate profesional

Celebrouse un Foro de debate profesional, co obxectivo de impulsar o diálogo e a colaboración entre axentes públicos e privados necesaria para a identificación e resolución dos desafíos dixitais aos que se enfronta Galicia nun novo paradigma de sociedade onde todo está conectado e as tecnoloxías se fusionan. O foro reuniu a profesionais, convocados dende a Administración, que participan nos procesos de transformación dixital nos distintos ámbitos de actuación, congregando así a representantes das principais empresas da Comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.

Como resultado, pode consultar a recompilación das principais reflexións recollidas no desenvolvemento do I Foro de debate profesional na seguinte ligazón

 

icono lista  Concursos EGD2030

Para elaboración de EDG2030  quixemos contar cos máis novos, os galegos e as galegas do futuro, e recompilamos as súas achegas a través dun concurso de microrrelatos e debuxos. Rapazas e rapaces de 5 a 18 anos de toda Galicia nos trasladaron a súa visión da Galicia dixital do 2030. Os seis gañadores: Iago, Noa, Naiara, Iria, Antía e Breixo nos contan o porqué da súa creación . Parabéns a todos!