Plan de modernización tecnolóxica da mobilidade en Galicia (e-Mobility)
Actualmente, en moitas áreas de Galicia recoñécese a necesidade de mellora en canto ao sistema de transporte. A falta de integración entre os sistemas que compoñen a rede é un dos principais hándicaps, rexistrando unha clara sobrecarga de traballo por parte dos profesionais, así como a desconformidade por parte dos usuarios, que reclaman un servizo de mellor calidade e a posibilidade de acceder á información en tempo real.
Coa finalidade de facer fronte a esta situación, a Xunta de Galicia vén de elaborar o Plan de modernización tecnolóxica da mobilidade en Galicia (e-Mobility), a través do que levar a cabo a dixitalización integral dos procesos de xeración e modificación da oferta de transporte.
Os obxectivos específicos a acadar son os seguintes:
- Eficiencia operativa de todos os axentes que interveñen na cadea de transporte.
- Control da xestión, planificación e toma de decisións para un mellor aproveitamento dos recursos públicos e das capacidades e infraestruturas existentes.
- Deseño e fomento dun modelo de transporte sustentable.
- Mellora da relación co cidadán grazas a un soporte tecnolóxico, facilitando información do sistema de transporte en tempo real.
O documento completo do plan estratéxico recolle os seguintes puntos:
- Análise da situación de partida, avaliando os problemas expostos por profesionais e usuarios, así como dende o punto de vista económico coma do sistema de xestión.
- Obxectivos específicos a acadar a través da posta en marcha do plan estratéxico.
- Accións de xestión da oferta de transporte, mediante a mellora do soporte de planificación, deseño e creación das rutas, así como a integración dos procesos e procedementos.
- Accións de xestión económica, implantando novos servizos de pago que faciliten a labor aos viaxeiros e aos condutores.
- Accións de xestión do servizo, mellorando a calidade da información e ofrecendo novos servizos complementarios aos usuarios.
- Mellora da xestión de inspeccións e sancións, que permitan tomar medidas efectivas ante posibles incidencias.
- Accións de xestión analítica da información, ofrecendo unha visión global e integrada do sistema público de transporte de Galicia.
- Desenvolvemento dun modelo de Smart mobility, a través de servizos de alto valor engadido para os usuarios seguindo un modelo de explotación Open data.
- Creación de iniciativas departamentais que permitan reducir o uso de ferramentas ofimáticas e evitar o traballo manual de datos. En última instancia, preténdese acadar a tramitación electrónica integral de todos os aspectos relacionados co sistema de transporte.
Para máis información pode acceder a continuación ao documento completo do plan.