A Xunta reitera a necesidade de que o Estado e as operadoras garantan a continuidade do servizo ás persoas e empresas afectadas polo "apagamento" do cobre
En Galicia aínda quedaban activas a principios de maio 4.771 liñas telefónicas de cobre en 72 concellos, das cales 1.271 son operadas directamente por Telefónica e 3.500 por outros operadores retallistas, que deixarán de funcionar antes do vindeiro 27 deste mes. A Xunta trasladou á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), ao Goberno do Estado e aos operadores a necesidade de que se garanta a continuidade dun servizo equivalente ou de mellores prestacións para as persoas e empresas usuarias desas liñas pendentes de migración, antes desa data.
O Consello da Xunta recibiu hoxe un informe sobre a situación deste proceso que están a levar a cabo a CNMC e as operadoras de telefonía. Malia que a competencia sobre as telecomunicacións lle corresponde en exclusiva ao Estado, a Xunta tomou a iniciativa de dirixirse tanto aos organismos e empresas responsables como aos concellos afectados, para asegurar a colaboración e a transparencia do proceso.
A Xunta reiterou, así mesmo, a súa vontade de colaborar cos responsables para asegurar o mantemento sen interrupcións dun servizo esencial para a cidadanía e a actividade económica da Comunidade Autónoma galega.
O pasado mes de xaneiro, a Xunta promoveu unha reunión coa CNMC en que se afondou na necesidade de crear mecanismos de difusión e apoio á cidadanía. Entre os compromisos adquiridos figuraban o de comunicar coa suficiente antelación o peche das centrais; informar sobre as alternativas dispoñibles, sobre todo cando o cambio a fibra non sexa posible; evitar cortes prolongados ou o illamento de persoas vulnerables que necesitan os servizos de comunicacións para a súa saúde e seguridade.
A Xunta tamén se reuniu con Telefónica para solicitar toda a información dispoñible sobre as liñas pendentes de migrar e, posteriormente, en marzo trasladouse esta información aos concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Esta información sobre liñas pendentes está a ser permanentemente actualizada pola Xunta e trasladada aos operadores, para que poidan poñerse en contacto con todas as persoas afectadas para proporcionarlles unha solución personalizada. Esta acción foi resultado da reunión mantida o pasado 12 de maio entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, operadores Telefónica e MásOrange, a FEGAMP, a Cruz Vermella e as deputacións. O obxectivo deste encontro foi o de por el común os procedementos e protocolos levados a cabo polas empresas responsables para minimizar o impacto deste proceso nos distintos servizos, persoas e empresas usuarias.
Compromiso coa conectividade do territorio
A conectividade do territorio, tanto con redes fixas como móbiles, é unha premisa indispensable para a modernización tecnolóxica de Galicia e para garantir un servizo esencial a unha poboación moi dispersa e con necesidades singulares, como as derivadas do envellecemento. Por iso, a Xunta leva desde hai 15 anos promovendo iniciativas e actuacións dentro das súas competencias.
Neste sentido, o Goberno galego logrou dedicar fondos Feder e Feader ao Plan de banda larga 2010-2013, que situou naquel momento Galicia á cabeza no desenvolvemento deste tipo de infraestruturas.
Posteriormente puidéronse dedicar fondos Feader á posta en marcha do Plan banda larga 2020, como actuación complementaria ás competencias do Estado para estender as redes de 100 Mbps ou máis. A partir dese momento, o Estado asumiu en solitario co programa UNICO as competencias para acadar o obxectivo de dotar toda a poboación da internet de, polo menos, 100 Mbps.
A Xunta ten tamén en marcha una actuación para mellorar a cobertura móbil en áreas rurais e illadas. Trátase dunha iniciativa pioneira en España, para a cal foi necesaria unha autorización expresa da Comisión Europea. Esta actuación está a ser posta como exemplo pola CE.
O Goberno de Galicia mantén unha oficina dedicada en exclusiva á banda larga, que traballa na definición da normativa, axiliza trámites administrativos e realiza unha vixilancia continua das medidas e actuación postas en marcha por parte do Goberno de España no marco da súa competencia exclusiva na materia.