A Xunta pecha a súa participación no sandbox europeo de IA cunha solución para automatizar as transcricións das chamadas aos servizos de emerxencias
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, participou hoxe en Madrid na clausura do primeiro Sandbox europeo de IA, no que a Xunta participou cun proxecto que aplica a intelixencia artificial para mellorar e automatizar a transcrición das chamadas aos servizos de emerxencia.
Damián Rey valorou moi positivamente a participación de Galicia no Sandbox porque permitiu “traballar de maneira práctica sobre os requisitos do Regulamento Europeo de Intelixencia artificial e entender como aterrar eses requisitos regulatorios nun sistema real de alto risco”.
O sistema presentado pola Xunta consiste nunha solución de intelixencia artificial aplicada ao servizo de emerxencias, deseñada para automatizar e mellorar a transcrición de chamadas de emerxencia mediante tecnoloxías avanzadas de recoñecemento automático da fala.
Esta solución, a única presentado a esta contorna de probas por unha administración pública, permite transcribir chamadas en tempo real ou case real, almacenar as conversas en formato estruturado e facilitar posteriormente procuras, análises e investigacións sobre incidencias de emerxencia.
O proxecto non só busca automatizar tarefas, senón tamén mellorar a capacidade operativa dos servizos de emerxencias. Grazas á creación de bases de datos estruturadas de transcricións, o sistema permitirá desenvolver futuros casos de uso relacionados con analítica avanzada, detección de patróns, predición de incidentes ou mesmo priorizar chamadas en función de indicadores emocionais detectados durante a conversación.
Sandbox de iA
O proxecto da Xunta foi seleccionado polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública o pasado ano para participar no primeiro Sandobox Europeo de IA como modelo de acceso a servizos esenciais públicos. As 11 iniciativas restantes aplicaban a intelixencia artificial á diferentes ámbitos como biometría, emprego,
infraestruturas críticas, maquinaria e produtos sanitarios. Trátase de áreas consideradas de alto risco polo regulamento europeo de IA polo seu impacto nos dereitos fundamentais das persoas.