A Xunta facilita ao Consello de Contas o acceso á carteira de servizos dixitais da administración electrónica

Mércores 20 de Decembro de 2023

A Xunta facilita ao Consello de Contas o acceso á carteira de servizos dixitais da administración electrónica

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Consello de Contas formalizaron esta colaboración coa sinatura dun convenio
A Administración autonómica promove a compartición de aplicacións e infraestruturas dixitais para impulsar a dixitalización das administracións públicas, evitando a duplicación de infraestruturas e investimentos

O Consello de Contas súmase ás entidades públicas que acceden a carteira de servizos e infraestruturas dixitais que a Xunta pon á disposición das Administracións autonómicas. Esta colaboración formalizouse a través  dun convenio, asinado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, e o Conselleiro Maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro.

Grazas ao acordo, o Consello de Contas poderá empregar servizos chave da administración dixital como a plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, que posibilita a consulta de datos e documentos entre diferentes administracións; o sistema de notificacións electrónicas Notifica.gal; o Rexistro Electrónico de Apoderamentos, que permite ás persoas físicas e xurídicas outorgar poderes a outras persoas ou entidades para actuar no seu nome nas relacións ante as administracións públicas; ás plataformas de contratos e licitación e ao sistema de facturación electrónica, ademais doutros que se poidan engadir. 

O convenio contempla, tamén, a posibilidade de que o Consello de Contas se adherir a acordos marco, xestionados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, nos que actúa como departamento de contratación centralizada.

A Xunta apostou hai máis dunha década pola compartición de recursos e infraestruturas entre administracións para evitar duplicar esforzos e investimentos e axilizar a implantación da administración dixital tanto a nivel local como autonómico.