A tecnoloxía de robotización permite á Xunta incrementar nun 20% a capacidade do servizo de atención a persoas usuarias

Domingo 25 de Febreiro de 2024

A tecnoloxía de robotización permite á Xunta incrementar nun 20% a capacidade do servizo de atención a persoas usuarias

A Xunta está a probar esta tecnoloxía na xestión de altas e baixas das aplicacións corporativas vinculadas aos 10.000 traslados de unidade que rexistra cada ano a Administración autonómica
Tamén está a aplicar a automatización robótica de procesos nunha vintena de procedementos, tanto da administración xeral como do eido xudicial
O emprego destas tecnoloxías libera ao persoal empregado público de tarefas repetitivas, incrementa a capacidade de tramitación das unidades administrativas e reduce os tempos de resposta

A Xunta está a pilotar a aplicación de tecnoloxías de automatización robótica de procesos (RPA) na xestión das altas e baixas das aplicacións corporativas que se realizan con cada traslado de unidade. Cada ano, a Administración autonómica xestiona unhas 10.000 operacións deste tipo, que requiren un tempo estimado de 20 minutos cada unha.

O uso da RPA neste procedemento permitirá autorizar automaticamente os permisos necesarios para as altas ou modificación de usuario daquelas aplicacións necesarias para cada posto de traballo. Isto incrementará a capacidade de servicio do Centro de Atención a Usuarios (CAU) nun 20%, cuxos traballadores poderán dedicar o tempo que investían neste procedemento a tarefas de maior valor engadido. Este é un dos preto de 20 procedementos nos que se está a pilotar a aplicación da automatización, tanto na administración xeral autonómica como no eido xudicial.

Plataforma de automatización intelixente

A Xunta de Galicia busca estender o uso das tecnoloxías de intelixencia artificial e robótica aos procedementos administrativos de xeito progresivo grazas á plataforma de automatización intelixente que comezou a desenvolver en 2022.

Esta plataforma permite dar resposta áxil ás necesidades de tramitación de grandes volumes de expedientes que inclúen procesos repetitivos; reducir os tempos de tramitación e dar un mellor servizo á cidadanía e incrementar a capacidade de tramitación das unidades administrativas, evitando que as persoas realicen tarefas que poden ser automatizadas.

A principal vantaxe da aplicación destas tecnoloxías é que facilita a revisión de grandes volumes de datos de maneira automática de xeito que libera ao persoal empregado público de tarefas repetitivas e automáticas, podendo dedicarse a tarefas de maior valor.

A Xunta de Galicia foi pioneira no sector público galego na posta en marcha de tecnoloxías de automatización robótica de procesos (RPA) e técnicas de recoñecemento óptico de caracteres (OCR), que se comezaron a aplicar nalgúns procedementos do eido tributario ou na xestión de axudas do II Plan de Rescate a sectores afectados pola covid-19.