Máis de 7000 persoas foron atendidas nos teléfonos de información sobre a TDT da Xunta desde mediados de xaneiro
A media de chamadas atendidas ao día nos servizos de información 012 e oficina da TDT sitúase nas 250 ou 300, incrementándose ata as 400-500 nos días de apagados. As consultas máis habituais durante o mes de xaneiro foron as referidas a incidencias de sintonización (23%), seguidas de solicitude de información sobre a cobertura da TDT (21%), datas de apagado (18%) e incidencias de cobertura
Desde o inicio dos apagados dixitais o pasado 18 de xaneiro e ata o día 4 de febreiro máis de 7000 persoas foron atendidas nos teléfonos de información sobre a TDT postos a disposición dos cidadáns pola Xunta de Galicia. A media de chamadas diarias situouse entre as 250 e as 300 superando as 500 nalgunhas das xornadas dos apagados.
O teléfono da Oficina Técnica da TDT (981 57 21 54) presta atención aos cidadáns, instaladores e concellos sobre todos os aspectos relacionados co proceso de transición á Televisión Dixital Terrestre. Desde este número estanse a atender unha media de entre 250 e 300 chamadas por semana desde que comezou o proceso de apagado.
Desde o 012, un servizo de atención da Xunta reforzado para servir como punto de información centralizado sobre a TDT, se atenden as dúbidas dos usuarios sobre a cobertura da TDT, e o satélite en caso de que o precisen. Este teléfono está dispoñible todos os días da semana, incluidos os sábados e os domingos. O 012 recibiu nas primeiras xornadas de apagado das fases I e II arredor de 1000 chamadas diarias que se foron reducindo de xeito paulatino ata as 150/200 dos últimos de xaneiro, producíndose un repunte o 1 e o 2 de febreiro, días nos que se atenderon 625 e 384 chamadas, respectivamente. Un incremento previsto xa que o primeiro de febreiro o apagado analóxico chegou a preto dun millón de persoas.
Os temas fundamentais das consultas dos cidadáns ao servizo 012 durante o mes de xaneiro centráronse en incidencias de sintonización (23%), normalmente asociadas a non ter adaptada a instalación das antenas colectivas, fallos na orientación cara o mellor centro de difusión ou a necesidade de resintonizar o receptor para recibir todas as canles. Outro 21% das chamadas foron para solicitar información sobre a cobertura da TDT e cal é a orientación cara o centro emisor correcto. Un 18% das cuestións solicitadas referiuse á información sobre as datas de apagado e un 11% a incidencias de cobertura debido a problemas de coberturas parciais (ven unhas cadenas e outras non), avarías nos centros reemisores e dúbidas sobre o satélite. Por último, un 6% das chamadas realizaron consultas sobre as axudas para a dixitalización.
Nos primeiros días de febreiro as porcentaxes variaron incrementándose ata o 37% as consultas sobre incidencias de sintonización, mantívose o 21% de preguntas sobre a cobertura da TDT, mentres que se incrementaron nun 1% as chamadas referidas ás incidencias de cobertura (12%). As cuestións sobre as datas do apagado analóxico pasaron do 18% ao 4% e na mesma porcentaxe se situaron as dúbidas sobre incidencias na instalación.
Na Oficina da TDT se resolven dúbidas semellantes en porcentaxes parecidas. Así un 27% dos cidadáns que chamaron a 981 57 21 54 plantexaron incidencias de cobertura e sintonización, un 15% solicitaron información sobre as zonas de cobertura, un 14% polas zonas de satélite, un 12% tiñan problemas coa instalación de antena, un 7% preguntaron polos trámites para recorrer á instalación do satélite, un 4% pediu información sobre as datas de apagado, a mesma porcentaxe preguntou sobre axudas e un 2% sobre cuestións relacionadas coa instalación.