Feijóo subliña que o convenio da Xunta co sector TIC contén o decálogo para potenciar un desenvolvemento dixital de Galicia

Martes 23 de Xullo de 2013

Feijóo subliña que o convenio da Xunta co sector TIC contén o decálogo para potenciar un desenvolvemento dixital de Galicia

Expresa o compromiso da Administración autonómica de elaborar a Lei de desenvolvemento dixital para a transformación de Galicia cara a unha economía baseada no coñecemento

A Xunta garante que capacitará aos cidadáns para a integración no contorno dixital, que impulsará “grandes proxectos tractores” de innovación tecnolóxica nos sectores produtivos estratéxicos, que seguirá impulsando as tecnoloxías na sanidade e na educación e que en 2020 estará plenamente consolidado o e-goberno

O titular do Executivo galego pon en valor o compromiso do sector de apostar polo rural galego, de apoiar aos emprendedores dixitais de Galicia e de participar activamente como “mecenas dixitais”

Avanza que o acordo garante que as empresas colaborarán cos centros tecnolóxicos e grupos de investigación para potenciar a transferencia tecnolóxica e compromete, mediante un programa de bolsas, a incorporación ao mercado laboral de universitarios e estudantes de FP do eido tecnolóxico

Resalta os efectos da posta en marcha da Axenda Dixital Galicia 2014.gal, que, cun investimento de 660 millóns de euros, está a permitir modernizar a Administración e a Xustiza, transformar a educación e a sanidade, avanzar na vertebración territorial e blindar legalmente as telecomunicacións como un servizo público máis

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe o “compromiso forte e recíproco” entre o Goberno galego e as empresas das tecnoloxías da información e da comunicación para consolidar “un sector TIC competitivo, innovador, xerador de emprego cualificado, capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento”. Esta aposta quedou plasmada no acordo asinado esta mañá entre a Administración autonómica e un grupo de industrias tecnolóxicas, o primeiro deste tipo que se asina en España, que inclúe un decálogo de medidas para potenciar o desenvolvemento dixital de Galicia.

Trátase, explicou o mandatario galego, de perseguir o obxectivo fundamental “do fortalecemento do sector e do desenvolvemento dixital de Galicia”, para contribuír a un “crecemento económico e sustentable” que permita a creación de emprego, o incremento da competitividade das empresas e a súa internacionalización, e a mellora da calidade dos servizos públicos.

Nun acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, o titular da Xunta informou de que, en virtude do convenio asinado hoxe, o Goberno galego se compromete a elaborar a Lei de desenvolvemento dixital para “a transformación de Galicia cara a unha economía baseada no coñecemento”. Ademais, garante que capacitará aos cidadáns para que poidan integrarse no contorno dixital e que impulsará “grandes proxectos tractores “ de innovación tecnolóxica nos sectores produtivos estratéxicos para Galicia, apostando por convocatorias de financiamento de grandes proxectos que permitirán captar fondos europeos.

Feijóo expresou tamén o compromiso da Xunta de seguir impulsando as novas tecnoloxías en áreas como a sanidade e a educación, así como de consolidar un goberno electrónico “para unha relación completa vía internet con cidadáns e empresas en 2020”.

Pola súa banda, segundo remarcou o mandatario autonómico, as empresas do sector TIC comprometéronse a apostar polo rural galego no desenvolvemento de tecnoloxía de nova xeración; a apoiar aos emprendedores dixitais de Galicia e a participar activamente como “mecenas dixitais” impulsando actuacións que capaciten á cidadanía e, en especial aos colectivos en risco de exclusión, no emprego das novas tecnoloxías. Ademais, na parte do convenio no que figuran os compromisos do sector figura a vontade de garantir, mediante un programa de bolsas, a incorporación ao mercado laboral de universitarios e estudantes de FP do eido tecnolóxico.

Balance da Axenda Dixital Galicia 2014.gal  
Na súa intervención, o presidente da Xunta destacou que o Goberno galego leva anos traballando na modernización tecnolóxica de Galicia a través da Axenda Dixital Galicia 2014.gal, que definiu como “unha folla de ruta con iniciativas altamente transformadoras”.

Así, subliñou que o investimento público-privado de 660 millóns de euros entre 2010 e 2013 permitiu avanzar na modernización da Administración e da Xustiza; impulsar a transformación do sistema educativo con iniciativas como Abalar; intensificar a vertebración territorial grazas ao Plan de Banda Larga; contribuír á mellora continua da sanidade a través de proxectos tecnolóxicos “nos que Galicia é líder”, como a receita electrónica; consolidar o Centro de Datos integral como infraestrutura clave do sector público; e lograr a blindaxe das telecomunicacións como un servizo público máis grazas á Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

Empresas galegas, nacionais e internacionais  
O presidente da Xunta agradeceu a implicación amosada polas empresas asinantes do protocolo, algunhas delas galegas, como Altia, Coremain, R ou Televés, e outras de ámbito nacional internacional como Everis, HP, Indra, IECISA, SATEC e Tecnocom. Ademais, avanzou o compromiso de Vodafone, Telefónica e Atos de aherirse ao convenio.