A Xunta seguirá avanzando para consolidar a madurez dixital de Galicia e convertela nunha rexión especializada en tecnoloxía

Xoves 02 de Novembro de 2023

A Xunta seguirá avanzando para consolidar a madurez dixital de Galicia e convertela nunha rexión especializada en tecnoloxía

O consellerio de Facenda e Administración Pública inaugurou hoxe o III Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou hoxe que o Goberno galego seguirá avanzando para consolidar a madurez dixital de Galicia e convertela nunha rexión especializada en tecnoloxía.

Durante a inauguración do III Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, Miguel Corgos subliñou que neste proceso, a prevención e seguridade son dous elementos claves, xunto co coñecemento e a colaboración.

Nesta liña, recordou que a aposta da Xunta pola ciberseguridade foi clara desde o primeiro momento, coa sinatura de acordos de colaboración co CCN e co Incibe; coa posta en marcha do Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade da Información (CSIRT.gal); ou coa creación do nodo CIBER.gal.

Así mesmo, salientou que a Comunidade conta hoxe cunha estratexia galega de ciberseguridade; está construíndo en Ourense o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia; participa en proxectos como o RETECH e leva a cabo campañas de concienciación dirixidas á cidadanía nesta materia.

Ao longo da súa intervención, Miguel Corgos referiuse tamén a aprobación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial; a creación do nodo galicIA; e á inminente Lei galega de Planificación, Organización e Impulso da Intelixencia Artificial, que situará de novo á Comunidade como pioneira na actuación lexislativa, no ámbito rexional e da Administración pública.

O conselleiro concluíu asegurando que o Goberno galego, da man das tecnoloxías intelixentes, seguirá avanzado para proporcionar unha administración máis eficiente, máis personalizada e máis accesible, para configurar un territorio intelixente e conectado, e para dotar á cidadanía duns servizos públicos dixitais de calidade.