Plan de acción 2025
O Plan de Acción 2025 ten por obxecto regular a actividade da Amtega durante o exercicio 2025 mediante o establecemento das actividades a desenvolver, os valores a acadar e os responsables de levalas a cabo no marco de cada un dos obxectivos estratéxicos do contrato plurianual de xestión que regula o seu funcionamento.
Neste senso, no 2025 continuase a folla de ruta marcada pola EGD2030 estruturada en torno a 7 eixes estratéxicos e un eixe transversal que determina as áreas de actuación e 20 programas para acadar os obxectivos establecidos:
→ E1. Goberno e Administración Intelixente. Inclúe 4 programas para impulsar a automatización e transformación dixital dos servizos públicos e evolucionar cara un modelo intelixente de posto de traballo do empregado público, así como o expediente xudicial electrónico.
→ E2. Sociedade Dixital e Inclusiva. Este eixe recolle 2 programas dirixidos a facilitar a adquisición de competencias dixitais á cidadanía e potenciar a educación innovadora consolidando o uso de tecnoloxías dixitais ao método docente.
→ E3. Entorno Dixital para a Saúde e o Benestar Social. Conta con 2 programas concibidos para empregar a tecnoloxía para acadar unha sanidade máis preditiva e personalizada e un paradigma socio-sanitario para mellorar a calidade asistencial.
→ E4. Territorio Intelixente, Verde e Resiliente. Ao eu abeiro englóbanse 4 programas para avanzar cara a un territorio máis sostible, máis verde, máis conectado e cun uso más eficaz dos recursos.
→ E5. Conectividade Dixital do Territorio. A fin de conseguir unha Galicia máis integrada e conectada neste eixe establécense 2 programas.
→ E6. Cultura e Turismo Intelixente. Neste ámbito formúlase 1 programa para promover o uso de tecnoloxías para avanzar na dixitalización e conservación do patrimonio cultural galego e consolidar o turismo intelixente en Galicia
→ E7. Economía Dixital e Sostible. Recolle 3 programas orientados á transformación dixital do servizo público de emprego, a transformación dixital das pemes e a transición cara a industria 4.0.
→ Eixe transversal: Especialización Tecnolóxica. A promoción da especialización tecnolóxica ao servizo do resto de eixes estratéxicos sumando outros 2 programas cos que impulsar a promoción do talento dixital, fortalecer o hipersector TIC e desenvolver maiores capacidades en torno ás novas tecnoloxías disruptivas (IA, ciberseguridade, intelixencia do dato, 5G).
O proceso de transformación dixital require aglutinar capacidades e especialización técnica no ámbito das tecnoloxías dixitais de axentes implicados públicos e privados; para iso, consolidarase un marco de gobernanza para a administración e xestión que permita aumentar a eficiencia dos recursos e orientalos a resultados que ofrezan verdadeiro valor ao tecido produtivo e social galego. Así, promoverase un marco de coordinación reforzado que potencie a colaboración intra e inter-administrativa, o traballo en rede cos axentes socioeconómicos e a participación social.