Memoria de actividades 2022
Coa finalidade de dar cumprimento ao artigo 10 dos Estatutos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, elabórase a Memoria de Actividades 2022 na que, tras unha breve sinopse da natureza e funcións desta axencia pública autonómica, se exporá a actividade desenvolvida durante o anterior exercicio e os principais logros acadados, así como o grao de cumprimento tanto do plan de acción 2022 como do contrato plurianual de xestión.
Galicia é unha rexión comprometida que aposta polas tecnoloxías dixitais como unha das pancas crave para a súa transformación e desenvolvemento. A transformación dixital forma parte da axenda do Goberno galego, desde a convicción de que as tecnoloxías dixitais contribúen claramente ao desenvolvemento económico e social da rexión, á prestación dun mellor servizo público e de atención á cidadanía e á globalización e internacionalización dos mercados e a sociedade. O ano 2022 supuxo o comezo da andadura de Galicia como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial, a primeira axencia en Europa encargada por velar polo desenvolvemento e a implementación desta tecnoloxía. A posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030 -a folla de ruta a seguir para a consecución dos obxectivos de desenvolvemento rexional en materia de dixitalización-, da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030 e a entrada en vigor do Marco Galego de Competencias Dixitais, permitiron avanzar na consolidación duns servizos públicos dixitais, cada vez máis eficientes e personalizados.
Consolidouse a administración dixital, con máis do 86% das entradas do rexistro da Xunta de Galicia por canles dixitais, o que supón un incremento notable fronte a situación pre-covid (53,22%) en 2019. A educación dixital é unha realidade para máis de 61.000 alumnos e alumnas en 600 centros educativos. Avanzouse na consolidación do sistema de Historia Social Única Electrónica - HSUE, que rexistra un crecemento continuado do seu emprego en servizos sociais comunitarios (concellos). No ámbito do sector primario, completuse a implantación da iniciativa Primare Lonxas Galegas 4.0 polo que 35 lonxas e confrarías modernizaron a súa infraestrutura tecnolóxica para unha mellor comercialización e xestión. Este 2022 destaca tamén o lanzamento e posta en marcha do Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, que conta con máis de 315 entidades, máis de 470 produtos, máis de 920 servizos e máis de 75 tecnoloxías.
A continuación pode acceder ao documento íntegro da Memoria de actividades 2022: