Ciberseguridade

Ciberseguridade


Garantir a dispoñibilidade e seguridade dos servizos públicos é unha das competencias da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que se ocupa da elaboración e desenvolvemento das políticas en materia de ciberseguridade, así como da xestión e modernización da infraestrutura tecnolóxica do sector público autonómico.

Dende a súa creación, a Axencia asumiu o obxectivo de garantir uns servizos públicos dixitais dispoñibles as 24 horas dos 365 días do ano e xerar un clima de confianza para as persoas usuarias nun contexto cada vez máis dixital. Para cumprir estes obxectivos a Axencia puxo en marcha diferentes medidas como os dous Plans Directores de Seguridade; o servizo de ciberseguridade, que supuxo un importante reforzo nas capacidades de supervisión neste ámbito e creou o  Centro de resposta ante incidentes de seguridade, CSIRT.gal, integrado na plataforma CSIRTs de ámbito nacional, ademais de aprobar un acordo marco para a prestación de servizo en materia de ciberseguridade. Outro dos fitos destacados neste ámbito foi a constitución do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, unha estrutura de cooperación público-privada en materia de ciberseguridade á que están adheridas 55 entidades para impulsar a formación e a concienciación fronte á ciberdelincuencia en todos os ámbitos da sociedade.

Sobre estas bases, abórdanse novos obxectivos e liñas de actuación marcadas na Estratexia Galicia Dixital 2030, como a elaboración da Estratexia Galega de Ciberserguridade e a creación en Ourense do Centro de Excelencia en Ciberseguridade.

A ciberseguridade é unha das tecnoloxías prioritarias da EDG2030, pois é imprescindible para garantir a seguridade e a integridade dos datos e sistemas de información, e tamén para avanzar na concienciación e formación da cidadanía e os profesionais para desenvolverse no actual contexto dixital.